A profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago (USC) Carme López Calderón realizará na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) un percorrido pola súa evolución histórica e principais etapas históricas, dende a súa orixe en 1784 impulsada polo movemento da Ilustración. O fará a partir dun cadro bordado, que forma parte da colección da RSEAPS e que reproduce o selo desa institución, unha peza que López Calderón considera “tremendamente interesante”.
A conferencia, baixo o título “Papel, fío e tela. O emblema da RSEAPS”, está incluída no programa de 2025 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC. A encargada de presentar a López Calderón será Diana Duo Ramila, membro do departamento de Educación do Museo Provincial de Pontevedra, nunha mesa que encabezará o presidente da Real Sociedad Económica, Francisco Loimil Garrido.
O acceso para o público é libre e gratuíto ata completar o aforo da sala. Ao remate da intervención de López Calderón abrirase unha quenda de preguntas na que poderán participar os asistentes, e a mesa de debate será retransmitida en directo a través da canle de You Tube da RSEAPS: RSEAPS-Amigos del País https://www.youtube.com/@rseamigosdelpaissantiago mediante a ligazón: https://youtube.com/live/MfI-aCqsDmo?feature=share