Author picture

A REAL SOCIEDAD ECONÓMICA AMPLÍA HORIZONTES CUN NOVO CICLO DE DEBATE QUE ABORDARÁ CUESTIÓNS DE ACTUALIDADE E RETOS DE FUTURO

Os protagonistas en 2025 serán Francisco Vázquez, Jorge Mira, Fernando González Laxe, Concha Losada, Antonio Gómez Caamaño, María Rosaura Leis, Pascual Sala, Daniel Lorenzo, María Rozas, Juan Antonio Xiol, María Pais, Senén Barro, Rafael López, José Ángel Docobo, Ramón Salgado e María Bastida

“Compostela 2023-2027. Presente e futuro” afondará en asuntos como os valores da Transición, o novo escenario internacional, a necesidade do cambio horario, a prontoterapia, o Tribunal Constitucional e a sociedade, a intelixencia artificial, a restauración e conservación do patrimonio ou o futuro do tecido empresarial compostelán

Máis temas, de máxima actualidade, e máis personaxes de primeiro nivel, na programación para 2025 do ciclo de debate “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, que organiza a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago.

O encargado de abrilo, o próximo 29 de xaneiro, será o exalcalde da Coruña e exembaixador de España en Roma Francisco Vázquez Vázquez, que disertará sobre os valores da Transición española. O 26 de febreiro seguiralle o expresidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe, cunha conferencia centrada no futuro de Europa no novo taboleiro internacional.

Un mes máis tarde, o 20 de marzo, dobre cita de índole científico. Os catedráticos de Electromagnetismo da Facultade de Física e de Pediatría da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Jorge Mira Pérez e María Rosaura Leis Trabazo, explicarán ata que punto é necesario realizar o cambio de hora nas estacións de verán e inverno.

O 24 de abril, José Ángel Docobo Durántez, catedrático emérito de Astronomía e Astrofísica da USC, fará un percorrido por un século de investigación, docencia e divulgación no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade compostelá, que dirixe o propio Docobo.

O 22 de maio, a mesa de debate “Protonterapia, desde Santiago para Galicia” reunirá ao conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, médico oncólogo radioterápico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), e a Rafael López López, xefe do servizo de Oncoloxía dese mesmo centro sanitario.

Tamén haberá espazo para os temas relacionados coa Xusticia. O 3 de xuño, Pascual Sala Sánchez, expresidente do TC, do TS, do CGPJ e do Tribunal de Cuentas, e Juan Antonio Xiol Ríos, expresidente da Sala Primera do TS, exvicepresidente do TC e exvocal do CGPJ, xustificarán a necesidade dun diálogo entre o Tribunal Constitucional e a sociedade.

O exreitor da Universidade de Santiago (2002-2010), catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Física da USC e director científico do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) Senén Barro Ameneiro encabezará o 26 de xuño a mesa de debate “Intelixencia artificial: cerebros de silicio”.

O 18 de setembro será a quenda de María Concepción Losada Vázquez, profesora titular de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Facultade de Medicina da USC e presidenta do Patronato do Museo do Pobo Galego, que disertará sobre esa institución como organización da sociedade civil ao servizo da construción do país.

Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago, falará o 23 de outubro sobre os retos da restauración e da conservación do patrimonio. E o 27 de novembro, catro protagonistas na mesa de debate “O tecido empresarial de Santiago ante os retos de futuro”: María Bastida Domínguez, profesora titular da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC; María Pais Fajín, presidenta do Consello Galego de Cámaras de Comercio e presidenta da Cámara de Comercio compostelá; María Rozas Pérez, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago; e Ramón Salgado Fuentes, director da empresa Limpiezas Salgado.

A directiva da Real Sociedad Económica de Santiago, que preside Francisco Loimil Garrido, lembra que con este ciclo a entidade “pretende abrir unha reflexión sobre as cuestións de maior relevo, os retos de futuro e as oportunidades para Santiago de Compostela -pero tamén para Galicia e España-, baixo o espírito de absoluta pluralidade que inspira tódalas iniciativas que organiza a RSEAPS”.

Loimil anima a asistir e participar nas mesas deste ano de “Compostela 2023-2027. Presente e futuro” a tódalas persoas que o desexen, xa que tódalas xornadas son de acceso libre e gratuíto, e cada ponencia incluirá un breve debate final co público. Tódolos actos do ciclo en 2025 terán lugar na sede da RSEAPS, na compostelá praza Salvador de Parga.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn