Author picture

A REAL SOCIEDAD ECONÓMICA EXHIBE UN RELOXIO “QUE NON TEN PARANGÓN NAS COLECCIÓNS MÁIS IMPORTANTES DE EUROPA”

A profesora axudante, doutora en Historia da Arte pola USC Ana Pérez Varela, pronunciou esta tarde unha conferencia na RSEAPS na que, a partir do reloxio que expón esta institución na súa sala de xuntas, abordou a figura do seu creador, o reloxeiro compostelán Ramón Antonio Iglesias Abeleira, antigo alumno da Real Sociedad Económica.

Na charla, incluída no ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos” -organizada en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago-, a profesora salientou o carácter “extraordinario” da peza que custodia a RSEAPS.

Pérez Varela, que contou coa colaboración do reloxeiro Álvaro Martínez-Feijóo para a análise técnica do reloxio, afirmou que non lograron “encontrar parangón nas coleccións máis importantes de España e o resto de Europa, mesmo nas de Suiza, onde se formou o seu autor”.

“Trátase dunha das obras máis curiosas de Iglesias Abeleira”, engadiu, “un reloxio de sobremesa, de alabastro, con cinco esferas e sistema de brúxula, do que sobresae tamén a coidada factura do seu mecanismo de inspiración francesa”.

Do mesmo xeito, segundo a profesora Pérez Varela, o estudo da obra foi revelando que “o artista era un personaxe moito máis interesante do que a priori deixaba ver a escasa información que había sobre iso”. Aludiu por exemplo a “unha magnífica xoia, unha obra tamén extraordinaria, que o autor, que tiña un obradoiro na Coruña, realizou para a raíña Isabel II”. Xunto a iso, referiuse ademais a algún dos outros reloxios creados polo reloxeiro compostelán, como exemplares de peto que se comercializaron en Cuba, ou reloxios de torre para varios concellos galegos.

A conferenciante foi presentada por David Chao Castro, profesor contratado, doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago, nun acto encabezado e introducido por Francisco Loimil Garrido, presidente da Real Sociedad Económica.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn