Author picture

A RSEAPS PROPÓN UNHA VIAXE POLA HISTORIA DE SANTIAGO A TRAVÉS DOS SEUS FONDOS ARTÍSTICOS

A Real Sociedad Económica lanza a súa segunda gran proposta para 2024: o ciclo de conferencias “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, que desenvolverá co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela e co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña. O seu obxectivo é achegar aos composteláns o notable patrimonio artístico que posúe a RSEAPS, afondando ao mesmo tempo no destacado papel que xogaron no devir da historia recente da capital galega os autores das obras e os personaxes retratados nelas.

A programación arrancará o 14 de febreiro cunha disertación do catedrático de Historia da Arte do IES Rosalía de Castro de Santiago Leopoldo Fernández Gasalla, que versará sobre os retratos de Pedro Sánchez Vaamonde e de Antonio Páramo y Somoza, fundadores en 1784 da RSEAPS. O 13 de marzo, o protagonista será Francisco Singul Lorenzo, xefe da área de Cultura Xacobea da S.A. Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia, que falará sobre o retrato de Francisco Sebastián Malvar y Pinto, prelado compostelán ilustrado.

O 10 de abril será a quenda de David Chao Castro, profesor contratado doutor de Historia da Arte da USC, cunha conferencia titulada: “Juan José Viñas, un santiagués exemplar do século XIX”. Un mes máis tarde, o 15 de maio, Diego Rodríguez Paz, profesor de Ensino Secundario e investigador especializado na obra de Dionisio Fierros fará unha aproximación aos retratos dese autor que forman parte dos fondos artísticos da RSEAPS. E o 12 de xuño, Carme López Calderón, profesora axudante doutora de Historia da Arte da USC, disertará sobre unha colgadura bordada alusiva ao primeiro centenario da Real Sociedad Económica (1884), aproveitando para facer un retrato da época na que foi elaborada.

Tra-la pausa estival, o ciclo continuará o 11 de setembro coa charla da profesora axudante doutora de Historia da Arte da USC Miriam Elena Cortés -Premio Domingo Fontán de investigación histórica 2022 da RSEAPS, o Consorcio de Santiago e a USC-, baixo o título “Manuel Pereiro Caeiro, moito máis que un gran mestre de obras”. O 9 de outubro, Marta Cendón Fernández, profesora titular de Historia da Arte da Universidade compostelá, pronunciará a conferencia “Manuel Lago González, o arcebispo querido por todos”. Seguiralle, o 13 de novembro, unha presentación de Begoña Fernández Rodríguez, tamén profesora titular de Historia da Arte da USC, sobre o cadro “A clase de pintura, de Elvira Santiso”, que se centrará na pegada formativa deixada pola Real Sociedad Económica ao longo da súa historia. E pechará a programación, o 11 de decembro, Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral de Santiago, coa conferencia “A cruz da Inquisición, referente dun tempo pasado”.

A RSEAPS lembra que tódalas conferencias deste ciclo terán lugar ás 19,30h, na sede da RSEAPS (Plaza Salvador Parga, 4 – Santiago de Compostela), son de acceso libre ata completar aforo e serán retransmitidas en directo a través da canle de You Tube da Real Sociedad: RSEAPS-Amigos del País de Santiago. No caso de que se produzan modificacións das datas das conferencias, serán notificadas convintemente a través da páxina web da RSEAPS (www.rseaps.org).   

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.