A RSEAPS formará parte da comisión asesora da fundación pública autonómica que se encargará de xestionar o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, ente que emanará da Lei 5/2023, de 4 de agosto, aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia. Así o establece ese texto legal, que recoñece como símbolo da identidade galega ao emblemático edificio sito no casco antigo de Santiago, onde repousan os restos mortais de figuras indispensables da historia da comunidade, como Rosalía de Castro, Castelao ou Ramón Cabanillas.
Dese xeito, a Lei salienta o determinante papel que xogou a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago no nacemento do Panteón de Galegos Ilustres. En 1891 foi cando, por iniciativa da nosa institución, o Concello de Santiago, a Asociación Rexionalista Galega e un grupo de estudantes de Dereito da Universidade compostelá, adoptaron -co consentimento de Manuel Murguía e da familia de Rosalía de Castro-, o acordo de trasladar os restos mortais da ilustre escritora desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, ata a igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela.
Así, e tamén co entusiasta apoio das colectividades galegas en América, comezou a súa andaina histórica o lugar simbólico que, por influxo da prensa da época, deu en chamarse Panteón de Galegos Ilustres.
Desde entón e tras Rosalía, foron soterrados en Bonaval, de xeito sucesivo, Alfredo Brañas, Francisco Asorei, Ramón Cabanillas, Castelao e Domingo Fontán. Pero non son senón Brañas e Fontán os que pechan o círculo iniciado con aquel pulo dado pola RSEAPS ao Panteón, xa que ambos os dous foron membros da Sociedad Económica, e Fontán -cartógrafo, matemático e promotor da primeira liña de ferrocarril de Galicia-, ocupou tamén a súa presidencia.