Author picture

ÁNGEL CARRACEDO: “A MEDICINA DO FUTURO DEBE SER 5P: PERSONALIZADA, PREDITIVA, PREVENTIVA, POBOACIONAL E PARTICIPATIVA”

Segunda mesa de debate en 2024 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS). O catedrático de Medicina Legal da USC e director executivo da Fundación Pública de Medicina Xenómica Ángel Carracedo Álvarez, falou sobre a Medicina do futuro que, segundo afirmou, “pasa por acadar o ideal da Medicina do presente, que é a que se chama Medicina 5P”.

Iso significa que, para Carracedo, a Medicina que vén debe ser “personalizada -con tratamentos específicos para grupos de individuos e subgrupos de enfermidade, e tamén con análises previas para saber como vai responder cada doente-; preditiva e preventiva -para anticiparse á enfermidade-; e poboacional e participativa -no senso de que o doente sexa o eixo do sistema, facendo que chegue a todos por igual, sen distinción de ningún tipo-”.

Asegurou que “nos próximos anos haberá un auxe da medicina xenómica, da epidemioloxía, dos datos e da intelixencia artificial, pero tamén da robótica, da nanotecnoloxía, da inmunoloxía e doutros moitos eidos”. Segundo el, todos eles “suporán un especial impacto nos problemas ligados ao envellecemento e, polo tanto, no cancro, as enfermidades cardiovasculares, as enfermidades neurodexenerativas e, en xeral, as relacionadas coa inmunidade”.

O catedrático engadiu que lle gustaría “ver e vivir unha revolución no entendemento dos trastornos psiquiátricos e que o estigma para estas enfermidades por fin desapareza”. “Eu sobre todo agardo que sexa unha medicina máis equitativa e humana, na que o raro sexa tan importante como o común, que haxa cambios en xestión e en investimento en saúde”.

Para el, “os médicos deben ter máis tempo para dedicarlle ao doente e, así mesmo, tense que impoñer un modelo afectivo-efectivo; é dicir, que estea baseado na combinación de curar e consolar”. “Iso non se acadará tampouco”, concluiu, “se non se produce un cambio no modelo educativo das profesións sanitarias e, en especial, da Medicina”.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn