Author picture

ANTONIO GÓMEZ CAAMAÑO: “GALICIA SERÁ MOI PRONTO UN REFERENTE ESTATAL EN TRATAMENTOS DO CANCRO

O conselleiro de Sanidade avanza na Real Sociedad Económica que o novo Centro de Protonterapia de Galicia ofrecerá tratamentos a partir do último trimestre de 2026

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, e o xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Rafael López López, compartiron mesa de debate esta tarde na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS).

Na súa intervención, o titular de Sanidade quixo salientar que “Galicia será a primeira comunidade en contar cun Centro de Prontoterapia de carácter público, unha infraestrutura sanitaria que, xunto co Centro de Produción de Terapias Avanzadas en Car-T, situará á comunidade galega como referente estatal no referido aos tratamentos do cancro”.

“Estamos ante un cambio de paradigma no tratamento oncolóxico”, seguiu Gómez Caamaño, que engadiu que estes avances “ofrecerán máis oportunidades de curación e unha mellor calidade de vida aos doentes”. Así, o conselleiro apuntou que “o Centro de Protonterapia de Galicia estará preparado para atender a unha media de 250 doentes por ano e sala, e está previsto que comece a ofrecer tratamentos no último trimestre do ano 2026”.

Superar o estigma do cancro e aumentar os investimentos

Pola súa banda, Rafael López lembrou que o cancro é a enfermidade de maior relevo no mundo occidental, tanto polo seu impacto médico, como social e económico. “Un dos motivos polos que non lle facemos fronte”, afirmou, “é polo medo e pánico que nos produce, non só polo estigma de sufrimento e morte que aínda conservamos como sociedade, senón tamén pola magnitude do problema en canto a números, ao ser a enfermidade que máis mortes produce, o que xera unha parálise na sociedade e nos políticos, sobre todo nos países do sur”.

O xefe de Oncoloxía do CHUS cré que “nunha posición contraria a iso e facendo fronte ao cancro está a sociedade americana, coa iniciativa de medicina de precisión de Biden e Obama en 2015, e a Unión Europea co Plan Europeo del Cáncer do ano 2022”.

En definitiva, segundo o doutor López, para facer fronte ao cancro “é necesario aumentar os investimentos en investigación, en prevención, en diagnóstico precoz, en diagnóstico, en tratamento e en tódalas medidas necesarias para reintegrar ao doente nas mellores condicións, se é posible, ou senón, en coidados paliativos”. “Cando falod e investimentos”, matizou, “non só falo de cartos, senón de cambios de modelos organizativos e planificación a medio e longo prazo”.

Cirurxía, robótica e terapias menos agresivas

En canto aos principais avances na loita contra o cancro, destacou pos cirúrxicos, “con cirurxías menos agresivas”, os referentes á robótica, “o que permite recuperacións e agresións menores”, e os de radioterapia. Sobre ese último aspecto, subliñou a protonterapia, que “será sen dúbida unha parte importante da radioterapia do futuro”. E sobre os tratamentos sistémicos, “que pasan por unha boa diagnose”, está convencido de que a biopsia líquida será unha ferramenta fundamental e imprescindible, así como tódolos desenvolvementos farmacolóxicos”.

“Estes”, concluiu, “incluirán novas formas e máis intelixentes de administrar quimioterapias, como xa están sendo os anticorpos conxugados, ao tempo que se seguirá avanzando na medicina de precisión, cos tratamentos dirixidos”. “Posiblemente, ao final o maior reto vai ser como convertir o corpo humano nunha arma contra o propio cancro e xa estase a lograr de xeito parcial coa inmunoterapia (nos agardan novos desenvolvementos nese campo cos anti PDL-1 e os Car-T), aínda que tamén veñen outros plantexamentos, porque coido que o futuro pasará por conseguir potenciar e reparar os mecanismos do DNA, evitando que eses erros que suceden continuamente, poidan avanzar”.

A mesa de debate sobre protonterapia, que conduciu o presidente da Real Sociedad Económica compostelá, Francisco Loimil Garrido, forma parte do programa para 2025 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola RSEAPS.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.