O fiscal xefe de Santiago resaltou na RSEAPS a importancia histórica do conxunto numismático, que recolle pezas españolas e extranxeiras que abranguen dende a antigüidade ao século XX

O fiscal xefe de área da Fiscalía de Santiago de Compostela, Antonio Roma Valdés, asegurou na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) que a colección de moedas desa institución, “malia á falta de documentación sobre a orixe de moitas pezas, constitúe un exemplo representativo do coleccionismo en Galicia entre os séculos XIX e XX”, o que a convirte “nunha auténtica cápsula do tempo”.
“Responde”, sinalou tamén, “a dinámicas comúns a outras institucións ilustradas, onde as moedas integrábanse en proxectos museísticos impulsados por iniciativas culturais e científicas, aínda que cunha evolución irregular e marcada por períodos de actividade e períodos de abandono”.
Para Roma Valdés, os fondos desa colección “formáronse principalmente mediante donacións realizadas dende finais do século XIX por distintos membros e colaboradores”, ao tempo que destacou que “a RSEAPS promoveu exposicións temporais con coleccións privadas, o que evidencia unha intensa actividade numismática nese período”.
Ademais, o ponente valorou a importancia da colección de moedas da RSEAPS dende o punto de vista do seu valor histórico: “A colección caracterízase pola súa heteroxeneidade, integrando moedas que abranguen dende a antigüidade ata o século XX, tanto españolas como estranxeiras”. Segundo el, “este patrón concorda con outras colección galegas contemporáneas, formadas por acumulacións privadas de pezas conservadas polo seu valor ou curiosidade”.

Por último, subliñou que na colección “destacan, con todo, algúns conxuntos singulares, como os que catalogou Ricardo Blanco Cicerón a comezos do século XX, un posible tesouriño de moedas maiorquinas do século XIV ou determinados exemplares de prata de épocas modernas”.
A conferencia do fiscal xefe de Santiago inclúese na programación de 2026 do ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, que organiza a Real Sociedad Económica en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, e que nesta edición coordina Ana Pérez Varela, profesora titular doutora da USC.
O fiscal xefe de Santiago foi presentado por Erea Castro Alfonso, investigadora e conservadora numismática do Museo de Pontevedra, nunha mesa que encabezou o presidente da Real Sociedad Económica compostelá, Francisco Loimil Garrido.



