Author picture

AS ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS DE COMPOSTELA RECLAMAN PARTICIPACIÓN NAS DECISIÓNS DE RELEVO PARA A CIDADE

Representantes de colectivos veciñais da cidade, que participaron esta tarde, na nosa sede, na mesa debate “O asociacionismo en Compostela”, incluída no ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), reclamaron que as administración teñan en conta ás asociacións á hora de adoptar decisións estratéxicas e de importancia para a capital galega.

Mari Cruz Vázquez Veiga, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA), que agrupa ás 21 asociacións correspondentes ao mesmo número de parroquias que existen no rural compostelán, afirmou que “por parte das administracións debería potenciarse a participación activa, a reivindicación, a colaboración e a codecisión, partindo sempre da información precisa”. Na súa opinión, “falta apertura, debido respecto ao asociacionismo”, polo que cre que “é necesario dar un golpe na mesa para que nos escoiten de verdade, atendan as nosas propostas e reivindicacións, que non vexan o movemento veciñal como un inimigo, senón como colaborador”. “O movemento asociativo unido traballará para acadar un rural digno”, concluiu.

 

                 

Pola súa banda, Mercedes Vázquez Bartomeu, ex presidenta e membro da Xunta Directiva da Asociación Veciñal A Xuntanza do barrio de San Pedro, sinalou que o asociacionismo na cidade “ten mellor saúde do que nos pode parecer, malia que carece da visibilidad que merece”. Para ela, “estas entidades coñecen como ninguén a súa parte da cidade e en moitos aspectos, o cotiá da propia Compostela”, e non obstante, segundo o seu criterio, “son as grandes esquecidas en tempos recentes, cando terían axudado, e moito, a propoñer solucións aos desafíos que os tempos nos propoñen como cidade e como comunidade”. “O movemento asociativo da cidade”, afirmou, “é enormemente dinámico, pero está lateralizado na toma de decisións e iso non é bo”. E engadiu: “Coido que necesitamos unha nova gobernanza, como cidade e como comunidade de persoas, para deseñar e encamiñarnos cara un novo proxecto de cidade, e nel, é imprescindible a achega da cidadanía comprometida, que constitúe o núcleo das asociacións e colectivos sociais”.  

 

                                                                                                                                   

Na mesa de debate tamén participou Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños da Cidade Histórica, que lembrou que ese colectivo se creou en xuño de 2019, porque “cando a mediados do ano 2018 estaba a redactarse o Plan de Xestión do Plan Especial da Cidade Histórica, non había unha representación organizada dos veciños afectados por el”. O ponente asegurou que, “unha vez resoltos temas como o da peatonalización da Praza de Mazarelos, o servizo de fibra óptica, a retirada da compactadora de Fonseca ou os problemas de inestabilidade dos taludes da Rúa Pombal, aínda quedan moitos asuntos que teñen que ser tratados nun futuro inmediato”. E entre eles citou, por exemplo, a perda de poboación na cidade histórica -do 25% entre 2000 e 2020-, o déficit de infraestruturas, o deterioro desa zona de Compostela, a política turística da cidade, o impacto ambiental das terrazas, a mobilidade na cidade histórica ou a fiscalidade das axudas á rehabilitación.

Por último, Manuel López-Ribadulla, presidente do Ateneo de Santiago de Compostela, centrado na promoción e difusión da educación, a ciencia e a cultura, trazou os obxectivos da súa entidade como asociación cidadá, falou do seu modelo organizativo, así como das características xerais do que representa o Ateneo na sociedade compostelá. Ademais, realizou un percorrido polas distintas etapas da entidade, desde a súa constitución en 2008, ata hoxe, e se referiu ás súas perspectivas de futuro.

 

 

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn