Author picture

BEGOÑA FERNÁNDEZ: “A OBRA PICTÓRICA DE ELVIRA SANTISO SITÚA ÁS MULLERES DO SÉCULO XIX NO CAMIÑO DO PROGRESO”

Achegarse a La clase de pintura, cadro de Elvira Santiso (Betanzos 1872-Santiago 1961), supón facelo á obra dunha pintora que soubo marcar nese lenzo a diferencia con respecto a moitas das concepcións sociais establecidas nos anos finais do século XIX e primeiros do XX, momento no que a artista o pintou”.

Para a profesora titular de Historia da Arte da USC Begoña Fernández Rodríguez, “fronte a unha sociedade ríxida que situaba á muller nun rol pouco activo e marcado por severos convencionalismos sociais, a obra supón a imaxe dun progreso imparable da muller, por medio da formación e a aprendizaxe, aínda que iso si, nun ambiente puramente feminino e marcado de forma exclusiva pola presenza de mulleres”.

Fernández asegurou na Real Sociedad Económica que La clase de pintura -que obtivo a mención de honra na Exposición General de Bellas Artes de 1906 e, tres años máis tarde, a Medalla de Ouro da Exposición Regional de Santiago de Compostela-, “ilustra o ensino da muller, nun momento no que a súa formación considerábase innecesaria e no que primaban unhas formas de vida caracterizadas por costumes, usos e modos que limitaban os horizontes das nenas ao ámbito do privado”.

“A educación das mozas era entón allea aos resultados que a sociedade esperaba da muller e do papel que esta debía xogar, plantexamento que as relegaba ao case exclusivo rol de convertirse en boas esposas”, engadiu.

A Real Sociedad e a formación das mozas compostelanas

A conferenciante cré que este cadro de Elvira Santiso, “marcado pola excepcionalidade”, recrea “como só en determinados casos, en concreto na educación das mozas acomodadas, flexibilizábanse eses criterios (tal e como indica a propia Concepción Arenal), permitíndoselles acceder á formación en belas artes, en concreto debuxo ou pintura, xunto coa aprendizaxe de ensinos máis pragmáticos e propias do seu sexo”. 

En concreto, a obra plasma “o día a día do ensino plástico nunha das salas da Real Sociedad de Amigos del País, unha institución que favoreceu e deu pulo de xeito decidido ao proceso de formación para as mozas na cidade”. E lembrou que, “nos anos centrais do século XIX, comezara a funcionar nas dependencias da RSEAPS unha escola de debuxo para a formación das mociñas compostelás, e na que a propia artista se formara, para máis tarde exercer nela tamén a súa actividade como docente”.

Fernández cré que a escena que representa o lenzo “é deudora en canto á súa composición do enfoque fotográfico” e, nela, “Santiso convídanos a participar como espectadores dun ambiente que se anima, non só pola actividade que as alumnas despregan, ou pola charla que algunhas delas manteñen entre si, senón pola propia cor da paleta que a artista emprega”. “Con iso”, engade, “créase un ambiente singular que fai que o espectador se implique e no que os distintos elementos contribúen a achegar contido á obra”.

“Neste espazo pechado por amplas fiestras que iluminan a estancia e, gracias á súa transparencia, favorécense os xogos entre luces e sombras nunha estancia aberta á contorna urbana, onde se conforma a escena nunha aula na que a pintora xera e manipula o espazo, marcado pola diagonal dos pupitres, ao longo dos que se distribúen as aplicadas alumnas, sentadas e concentradas na copia dos modelos que tiñan que reproducir baixo as directrices da profesora”, concluiu.

A conferencia de Begoña Fernández, que foi presentada por Israel Sanmartín Barros, profesor contratado doutor de Historia Medieval da USC, nunha mesa que encabezou o presidente da Real Sociedad Económica, Francisco Loimil Garrido, está incluída no programa de 2024 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado por esta institución en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultad de Xeografía e Historia da USC.

Agradecemento do Museo del Prado á RSEAPS

La clase de pintura, que forma parte do patrimonio artístico da RSEAPS, estivo exposta entre o 21 de maio e o 22 de setembro no Prado, dentro da mostra temporal “Arte y transformaciones sociales en España (1885-1910)”, que ocupou todas as salas temporais do museo madrileño e que superou os 156.000 visitantes.

O pasado 14 de outubro, o director do Museo del Prado, Miguel Falomir, enviou unha carta á RSEAPS na que afirma que, “un proxecto así, non tería sido posible sen o apoio de prestadores como a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago”. “Estamos moi agradecidos pola súa contribución, parte fundamental do éxito da exposición”, indica tamén na misiva.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn