Author picture

BEGOÑA FERNÁNDEZ RECLAMA QUE SE RECOÑEZA O VALOR CULTURAL DAS GRANDES INFRAESTRUTURAS HIDRÁULICAS ESPAÑOLAS PARA CONVERTILAS “NUN PATRIMONIO ACCESIBLE E DISFRUTABLE POLA SOCIEDADE”

A profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago Begoña Fernández Rodríguez reclama que se recoñeza o valor cultural e patrimonial das grandes infraestruturas españolas dedicadas ao aproveitamento da auga -para subministro, regadío ou produción de enerxía eléctrica-, que “resulten significativas e poidan ser resignificadas, como elemento fundamental dun patrimonio accesible e disfrutable pola sociedad”.

                                                                                                                        

Na súa conferencia na RSEAPS, titulada “Paisaxes da auga: Do pasado incómodo ás perspectivas futuras. Visións desde o patrimonio cultural”, Fernández alertou sobre a posibilidade de que moitos dos saltos de auga do noso país desaparezan, “a consecuencia da emerxencia climática, que supón unha aposta decidida polo cambio dos sistemas de obtención da enerxía, ou debido á próxima caducidade de moitas das concesións que permitiron a súa explotación”, o que, segundo ela, “conlevará unha perda de valores culturais”.

A profesora, presentada polo catedrático de Historia da Arte da USC Juan Manuel Monterroso Montero, lembrou que os encoros rexistraron o seu maior pulo tras a Guerra Civil, coa creación de máis de 300, convertindo á España da ditadura nun referente internacional de modernidade e, pola súa execución, proporcionando ao réxime “un recoñecemento que ao país se lle negaba”. “Na súa maioría”, sinalou, “esas obras chegaron aos nosos días e seguen estando en funcionamento”, aínda que tamén afirmou que “son escasos os exemplos que foron recoñecidos cun carácter patrimonial, malia que algunhas delas foron pioneiras en canto a sistemas de execución ou en relación coas formas que desenvolveron”. 

Participación da RSEAPS no ciclo das Sociedades Económicas de España

                                                                   

A exposición de Fernández, que foi a participación da RSEAPS no ciclo “Tribuna Carlos III. La gestión del agua para usos agroalimentarios”, organizado pola institución que reúne ás Reales Sociedades Económicas de Amigos del País de toda España, tamén incluíu unha referencia á “escasa valoración social que unha parte importante destas estruturas teñen entre a poboación”, algo compartido “polos técnicos encargados da súa xestión”. Ao seu xuízo, a causa diso é que “ao tratarse de obras públicas, considérase que a utilidade é un elemento prioritario para a súa razón de ser”, co que “se obvian componentes fundamentais, como pode ser a apreciación estética da súa presenza no espazo. “É necesario”, concluíu Fernández, “repensar este tipo de construccións, incluíndo nelas a necesaria valoración cultural, que dé pulo á conservación”. No acto de hoxe na RSEAPS tamén intervíu, vía online, o presidente da Mesa de las Sociedades Económicas de España, Antonio Martín.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn