Author picture

BLANCO VALDÉS: “A PLANTA TERRITORIAL LOCAL ESPAÑOLA ESIXIRÍA UNHA REDUCIÓN SUBSTANCIAL DO NÚMERO DE MUNICIPIOS”

O catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago Roberto Blanco Valdés, que inaugurou esta tarde a edición de 2024 do ciclo de debate “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola RSEAPS, defendeu a “necesidade de alterar notablemente a planta territorial local que existe en España dende o nacemento do Estado liberal”.

Na súa conferencia, titulada “De Santiago a Madrid, pasando por Galicia: a ordenación territorial en España”, Blanco Valdés asegurou que esa modificación da planta local “esixiría unha redución substancial do número de municipios” algo que, segundo o profesor, “só será posible se o proceso comeza a partir dun pacto de reforma entre a Federación de Municipios, as comunidades autónomas e o Estado”.

Na súa disertación afirmou ademais que “a aprobación da Constitución de 1978 supuxo en España, entre outros moitos cambios, unha alteración fonda do sistema de reparto do poder territorial vixente dende 1820, coa excepción parcial e atropelada da II República”.  E engadiu que “en España non só temos un problema territorial, como se afirma frecuentemente, senón dous: por unha banda, o plantexado por quen aspiran a alterar a unidade do Estado; doutra, o derivado dunha efectiva falta de colaboración e coordinación entre o Estado e as comunidades autónomas”.

Blanco Valdés realizou unha análise da estrutura do poder territorial en España, dende o poder local, ata o central, pasando polo autonómico. Tomando como punto de partida a distribución do poder do Estado no modelo orixinario dos Estados Unidos, o catedrático de Constitucional fixo logo un breve percorrido pola historia constitucional española, antes de centrarse no exame da estrutura do poder territorial do Estado na Constitución de 1978, despregado nos diferentes ámbitos existentes ao respecto e nos problemas actuais relacionados con eles: o poder local, o provincial, o rexional e o central.

O ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro” continuará o próximo 28 de febreiro coa conferencia “Anticipando a medicina do futuro”, que pronunciará o catedrático de Medicina Legal da USC e director executivo da Fundación Pública de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.