O director do Museo Diocesán Catedralicio de Lugo disertou na Real Sociedad de Santiago sobre o polímata de Muros, que foi o impulsor do traslado de Rosalía de Castro ao Panteón de Galegos Ilustres
“Joaquín Díaz de Rábago foi un dos economistas e sociólogos máis importantes da historia de Galicia e foi moi valorado, tanto en España, como en outros países europeos como Francia ou Inglaterra”. Marcos Gerardo Calles Lombao, director do Museo Diocesán Catedralicio de Lugo, glosou na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), a figura do polímata de Muros, “cuxo xenio literario sobresaiu en distintas materias”, afirmou, “sendo a terra e o mar, aspectos centrais na historia de Galicia, o centro das súas aclamadas propostas, con obras como El crédito agrícola -o seu traballo máis recoñecido- ou La industria de la pesca en Galicia, antesala dunha extensa e aclamada produción”.

Calles Lombao, cuxa disertación partiu dun cadro de José María Fenollera que retrata a Díaz de Rábago e que forma parte do patrimonio pictórico da Real Sociedad compostelá, subliñou que o economista e sociólogo, que “viviu entre 1837 e 1898, coincidiu temporalmente durante o último cuarto de século con insignes personaxes como Eugenio Montero Ríos, Alfredo Brañas, Juan Barcia Caballero, Salvador Cabeza León, Ramiro Rueda Neira ou Rosalía de Castro; sendo el o impulsor do traslado do corpo desta última ao Panteón de Galegos Ilustres”.
“A Real Sociedad Económica de Amigos del País, institución que presidiu Díaz de Rábago”, sinalou tamén Calles Lombao, “puxo ao longo da historia un especial celo en agradecer a inolvidable achega de Díaz de Rábago, incluíndo entre ela importantes estudos sobre esa secular Sociedad fundada durante o último cuarto do século XVIII”.
O director do Museo Diocesán Catedralicio de Lugo lembrou ademais a pegada que a lembranza de Díaz de Rábago deixou na nosa sociedade. “Dende o retrato de José María Fenollera que centra o noso estudo”, afirmou, “exponse como este eminente economista é lembrado en lugares como a Facultade de Xeografía e Historia da USC cun fermoso vítor; na Facultade de Dereito da mesma Universidade cun retrato moi semellante ao orixinal da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago; na Pobra do Caramiñal, onde ten unha rúa adicada a el e consérvase un cadro na súa casa, tamén obra de José María Fenollera, onde Díaz de Rábago apoia a súa man dereita sobre o seu traballo máis recoñecido: El crédito agrícola”.

En canto ao retrato de Fenollera da RSEAPS, sinalou que “sobresae dentro da colección de óleos do último cuarto do século XIX que atesoura esa Sociedad”, ao tempo que mostrou de forma inédita a vinculación entre esa obra e a publicación por parte da Real Sociedad das Obras completas de Díaz de Rábago. “O pasamento do insigne economista e sociólogo sucede o 29 de xullo de 1898 e o retrato centro da análise está datado en 1899, presentando nesta investigación o documento no que se inspirou José María Fenollera para realizar este aclamado óleo”, sinalou Calles Lombao.
“O maxisterio de Fenollera para captar a personalidade do ilustre sociólogo, queda patente nunha obra que se convirte no paradigma dos retratos institucionais do pintor valencián, destacando a súa destreza representando o rostro, as vestimentas ou os distintivos que expoñen o rango social deste delegado rexio da Escola de Artes e Oficios da cidade de Santiago de Compostela”, concluiu.
Na mesa de debate, incluída na programación para 2025 do ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, que esta institución organiza en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral de Santiago, realizou a presentación do ponente, nunha mesa que nesta ocasión presidiu Santiago Bermejo Díaz de Rábago, directivo da Real Sociedad Económica compostelá e bisneto de Joaquín Díaz de Rábago.



