A profesora titular de Historia da Arte da USC percorreu a evolución histórica da RSEAPS a partir dun cadro bordado que reproduce o seu selo e que forma parte do seu patrimonio
Conferencia de Carme López Calderón na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago. Baixo o título “Papel, fío e tela. O emblema da RSEAPS”, a profesora titular de Historia da Arte da USC realizou un percorrido histórico a partir dun cuadro bordado que reproduce o selo da Real Sociedad, acompañado da inscripción “A Escola de Labores da RSEAPS no seu primeiro centenario de 1884”.
López Calderón considera “tremendamente interesante” esa obra, que forma parte do patrimonio da Real Sociedad compostelá, “xa que condensa dúas etapas diferentes da institución”. Primeiro referiuse ao momento da súa fundación en 1784 “cando, impulsadas pola Ilustración e coa fin de mellorar a situación económica, nacen en España as Sociedades Económicas de Amigos del País, para fomentar a agricultura, a industria, a pesca, a gandeiría e o comercio”.
Segundo ela, “entre todas as actividades que impulsaron esas institucións, en Santiago interesou facer fincapé na agricultura, a pesca e a industria téxtil, debido á situación que vive Galicia a finais do século XVIII, con crises como a ocasionada polos métodos de pesca traídos polos fomentadores cataláns ou a aposta por pequenas industrias artesanais vinculadas á producción agropecuaria”.
A profesora cré que o coñecido como “emblema da Sociedad” que adorna ao cadro, dá boa conta deses obxectivos, “se ben en senso estrito e dacordo coas definicións dadas polos teóricos dende finais do século XVI, trátase dunha empresa, denominación que de feito recollen os primeiros Estatutos da Sociedad (O corpo da Empresa da Sociedad de Santiago será a Éxida de Minerva, como cubrindo un Arado, un Torno de Fiar, e unha Rede de pescar; i a Alma estas palabras: Hac tutante vigebunt)”.
López Calderón lembrou tamén as primeiras escolas establecidas pola Real Sociedad nesa etapa inicial, como a Escola de Hilazas (1785) ou, a pioneira, a Escola de Debuxo (1784). Por iso cré que no emblema da institución aparecen algúns “instrumentos que non constan nos seus Estatutos, que pasaron inadvertidos para outros investigadores, pero que poderían aludir a esa arte, base das demais: un compás, unha escadra e un transportador”.
“Tampouco constaba na descripción estatutaria o tridente”, afirmou a historiadora, “que ata a data foi referido como evocador da pesca ou como alusión a Neptuno, deus da mar… pola miña parte proporei a súa identificación cunha fisga, útil para pescar certos peixes que, entre outras, adquire a forma dun arpón de tres ganchos”. E ofreceu así mesmo unha nova lectura da Éxida de Minerva -sen desbotar a súa posible explicación local en relación coa Universidade compostelá-, que vincula á idea de perfeccionar a natureza mediante a ciencia, base do emblema Naturam Minerva Perficiet, que sen dúbida coñeceu o fundador da Sociedad, Antonio Páramo y Somoza”.
A instrucción das mulleres da época
A segunda etapa á que se referiu López Calderón, fai alusión ao momento da execución do cadro bordado, que foi elaborado -segundo “a prolixa documentación do século XIX conservada no arquivo da institución e ás publicacións da época- por alumnas da Escola de Labores, ensinos inaugurados a finais de 1880”. “En concreto”, engadiu, “polas estudantes do curso 1883-1884, e foi obxecto da medalla de ouro ao alumnado máis sobresaínte nos premios anuais outorgados pola Sociedad”.
Por último, salientou que 1884 non foi un ano calquera para a Real Sociedad, xa que celebrou o seu primeiro centenario de vida “cun cúmulo de festividades, que incluíron dous actos directamente relacionados co cadro obxecto da conferencia: a sesión para a distribución de premios anuais; e a apertura da Exposición dos traballos máis notables executados nos últimos tempos polas escolas de debuxo, modelado e labores de mulleres, onde esta peza gozou dun papel destacado”.
“Este cadro”, rematou, “pasou a engrosar os fondos artísticos da Real Sociedad gracias a unha donación feita pola profesora da Escola de Labores Martina González, que a institución aceptou en proba do recoñecemento e de gratitude, e á vez de xúbilo por tan fausto suceso”.
A conferencia da profesora López Calderón, que foi presentada por Diana Duo Ramila, membro do departamento de Educación do Museo Provincial de Pontevedra, nunha mesa de debate que conduciu o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido, forma parte do programa de 2025 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC.