Author picture

CASARES LONG: “ANTONIO CASARES FOI UNHA REFERENCIA DA CIENCIA NUN IMPERIO ESPAÑOL EN PLENA DECADENCIA”

O ex reitor e catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela Juan Casares Long protagonizou unha mesa de debate do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, dedicada á figura de Antonio Casares Rodríguez.

Casares Long, tataraneto do polifacético químico que foi tamén reitor da USC e director da Real Sociedad Económica, afirmou que este “representa o estudo, a innovación e a transferencia de coñecemento ás clases menos favorecidas na Galicia do século XIX, nun país desestabilizado de principio a fin de século, á marxe do desenvolvemento que se rexistraba nos países da nosa contorna”.

Francisco loimil, Juan Casares e Luis García Varela

Para el, o seu antecesor, nado en Monforte de Lemos e finado en Compostela (1812-1888), “convírtese nunha referencia da ciencia, nun imperio español en plena decadencia”. “Cando as nosas mellores cabezas marchaban a traballar a Madrid”, engadiu, “Antonio Casares resiste en Santiago”.

Destacou así mesmo a súa calidade de cidadán, profesor, investigador e divulgador. Casares Rodríguez era licenciado en Farmacia, Filosofía (especialidade na que logo se doutora) e Medicina. “Foi catedrático interino de Historia Natural, catedrático de Química, ocupando os cargos de decano de Filosofía, decano de Farmacia, decano de Ciencias, director da Estación Meteorolóxica, vicerreitor e reitor da Universidade de Santiago”.

Ademais, na súa conferencia, Casares Long subliñou que “foi profesor, socio, secretario, director e socio emérito da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, así como director da Revista Económica da RSEAPS”.

Noutra orde de cousas, lembrou o ex reitor, “Casares Rodríguez fundou unha farmacia, que aínda pervive hoxe, na Praza do Toural de Santiago e foi un dos asinantes do Manifesto Revolucionario de 1868”. “Escribe e traduce libros”, sinalou, “publica máis de cen traballos científicos (sobre temas como ciencias da saude, análise de augas, estudo da viticultura, os minerais ou a luz eléctrica)”. “E é o primeiro asinante do informe sobre os supostos restos do Apóstolo Santiago e os seus colaboradores, atopados na Catedral de Santiago”, concluiu.

A Casares Long chámalle especialmente a atención que Casares Rodríguez xerara -algo inusual nun home de ciencia-, o interese da Literatura e do Teatro; pero tamén do mundo da ciencia, con libros, artigos e ata teses doutorais sobre a súa figura e as súas actividades, tanto durante a súa vida, como nos nosos días.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn