“COMPOSTELA ESTÁ ANTE A OPORTUNIDADE HISTÓRICA DE RECONECTAR COA SÚA CONTORNA PARA IMPULSAR UN MODELO PRODUTIVO SOSTIBLE E DESVINCULAR O SEU DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO DO DETERIORO AMBIENTAL”

“Compostela está ante a oportunidade histórica de reconectar co territorio da súa contorna para impulsar un modelo produtivo sostible e desvincular o seu desenvolvemento económico do deterioro ambiental”. Esta é unha das conclusións do debate sobre medioambiente e urbanismo, que tivo lugar esta tarde (6 de xullo 2023) na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago. A mesa titulada “Preservar o futuro de Compostela. Espazo verde, retos ecolóxicos e saúde urbana” tivo como ponentes a Ruth Varela, doutora arquitecta e membro da unidade de investigación Paisaxe, Arquitectura e Cidade da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade de A Coruña; Miguel Serrano, doutor en Bioloxía, profesor no departamento de Botánica da Facultade de Bioloxía e membro do Grupo de Investigación, Análise e Conservación da Biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela; e Enrique Seoane, doutor arquitecto, xefe do Servizo de Planexamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago e profesor no Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

                                                             

Na súa intervención no debate, incluido no ciclo organizado pola RSEAPS “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, Ruth Varela asegurou tamén que, “para aproveitar esta oportunidade histórica, Compostela debe poñer o foco na restauración ecolóxica, a produción de proximidade e as infraestruturas verdes”. “Seguindo o marco conceptual do borrador da Estratexia Verde do arquitecto catalán Albert Cuchi, de 2010, plenamente vixente hoxe en día, Santiago podería desenvolver un proxecto urbano sostible, aproveitando as súas grandes potencialidades físicas e patrimoniais, e aproveitando tamén un dos seus patrimonios máis valiosos: o metabolismo social da cidade tradicional -circular e sostible-, que corresponde ao xeito no que os habitantes de Compostela e a súa contorna consumían enerxía e recursos do medio natural”.

Pola súa banda, Enrique Seoane afirmou que, “en Santiago e nas cidades de Galicia en xeral, débese actuar contemplando os paradigmas da contemporaneidade (mundialización da economía e globalización da cultura e do pensamento), comprometéndose coa saúde social e física das persoas e do territorio”. No caso de Compostela, apostou por un “metabolismo de ciclo pechado sobre o seu territorio adxacente, sobre o territorio das aldeas sen cidade, e sobre o quencemento planetario”; algo que, segundo el, “debe presidir os plans, programas e proxectos que se teñen que desenvolver máis cedo que tarde na nosa cidade”. Santiago debe ser, concluíu, unha cidade comprometida coa agroecoloxía, que pode e debe activar o cultivo de alimentos frescos de proximidade, de calidade e ecolóxicos; comprometida coa saúde do territorio e coa alimentación saudable das persoas”. Ao igual que Ruth Varela, pediu que se atenda á Estratexia Verde de 2010 no que se refire ao planexamento urbanístico, “procurando a compacidade fronte á dispersión, a accesibilidade universal fronte á segregación, a mobilidade activa e descarbonizada -que inclúa un transporte público eficiente e propicie a inclusividade espacial, así como unha maior versatilidade do espazo público-, desenvolvendo o territorio urbano e rural mediante plans, programas, proxectos e accións acompasadas w complementarias, que expresen ese compromiso coa mellora e a activación dos ecosistemas territoriais rurais e naturais da súa contorna”.

Por último, Miguel Serrano, defendeu a necesidade de “renaturalizar” Compostela, coa perspectiva de maximizar os beneficios ecosistémicos, que son os beneficios para a calidade de vida da cidadanía que proporcionan as especies que a acompañan no ecosistema da cidade. Entre eses beneficios destacou a modulación da temperatura en contextos de ondas de calor, a mellora da calidade do aire e secuestro de carbono, a retención de augas pluviais, a alimentación de acuíferos, a diminución dos niveis de contaminación, ou os psico-sociais e emocionais, derivados do contacto coa natureza.

                                                         

Serrano cré que “é necesaria unha única estratexia para o conxunto do ecosistema urbano de Compostela, con tácticas e elementos parciais”, o que permitiría á cidade “afrontar os grandes desafíos, como a mudanza climática e a perda de biodiversidade, mellorar a súa calidade de vida e facela máis resiliente e democrática”. Todo iso, aproveitando as liñas mestras da actual Estratexia Verde, malia que actualizándoas. Entre outros moitos aspectos, o biólogo afirmou que “deberíamos crear unha cidade porosa”, que permita que “a natureza penetre desde a súa contorna, fomentando corredores verdes e vías conectivas, potenciando tamén o papel que xa teñen as vías fluviais -como o Sar e o Sarela-, pero tamén restaurando outras pequenas vías de auga”. Nese senso, entende como imprescindible recuperar a funcionalidade dos cursos de auga, hoxe en grande parte canalizados, e “detectar e eliminar todos os puntos de emisión contaminante aos nosos ríos urbanos”.

Para Serrano, a renaturalización da cidade debe desenvolver unha xestión baseada na diversidade de hábitats e no arborismo, aumentando a densidade de árbores en moitas rúas, instalando tellados verdes e xardíns de chuvia, fomentando a presenza de flora no pavimento, procurando a eficiencia climática dos edificios -sen esquecer a presenza neles de fauna e flora-, e reducindo a pegada ecolóxica mediante a xestión descentralizada e democrática da enerxía. Ademais, considera preciso repensar que facer cos terreos agrícolas da contorna municipal, que están en proceso de abandono, son vítimas da especulación ou foron transformados en eucaliptais, “en desequilibrio ecolóxico e socio-económico co escenario de mudanza climática das próximas décadas”.

En canto á posible creación dun Botánico en Santiago, Serrano subliñou a súa importante función científica, divulgadora e de conservación de xermoplasma, lembrou que Galicia carece del e sinalou que Compostela, como “capital do país e centro universitario histórico, está lexitimada  para albergalo”. “Xa se dispón de terreos expropiados para tal fin no río Sarela, na contorna do Campus Vida”, concluíu, “pero coido que o Botánico podería albergar un observatorio ambiental que fomente a biodiversidade e a calidade de vida nos ecosistemas do noroeste ibérico e, nomeadamente, no ecosistema urbano de Compostela”.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn