A ex presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego Concha Losada percorreu na Real Sociedad Económica os 50 anos de existencia desa institución cultural

A ex presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego Concha Losada Vázquez, que hoxe protagonizou unha mesa de debate na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, fixo un percorrido polos 50 anos de existencia do Museo do Pobo Galego, referindo os seus antecedentes, o seu nacemento e a súa traxectoria, para considerar a súa incidencia na vida cultural e social de Galicia.
Dende o concepto actual do que é un museo, Losada xirou unha visita fotográfica polas súas instalacións de Bonaval, salientando a importancia dos demais recursos materiais e humáns, así como as actividades que se desenvolven nel, para ser considerado como tal. Así, caracterizou a súa acción social, a súa capacidade e eficacia para ser “un elemento decisivo na construción da identidade galega e, mesmo, un elemento transformador de Galicia dende o mundo da cultura”.
Para chegar a esa conclusión, a ponente fixo tamén un repaso do traballo de base sobre os fondos dos que dispón o Museo do Pobo Galego, os seus arquivos e bibliotecas, os recursos de consulta en liña dos seus materiais, os plans de actividades temporais, os eventos periódicos -como a MICE-, os proxectos expositivos propios e a acollida de actividades doutras institucións.
Losada tamén puxo en evidencia a actividade de mellora da accesibilidade e da interacción coa contorna social más próxima por parte do Museo, “de xeito transversal e sen diferenzas en razón do nível económico, procedencia, ideoloxía ou características físicas”, afirmou. E relatou a actividade para tratar de tecer redes entre museos, centros culturais e asociacións de diversa índole, “en Galicia e fóra dela, universidades, centros docentes e investigadores, e tódolos elementos do tecido social que, conxuntamente, fan país”.

A ourensá Concha Losada, que exerceu como presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego dende 2022 e ata o pasado mes de maio, é licenciada e doutora en Medicina pola USC, e foi profesora (dende 1998, titular) do departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Facultade de Psicoloxía da Universidade compostelá (1991-2025). Patrona numeraria do Museo do Pobo Galego dende 2007, vogal da súa Xunta Reitora dende 2009 e vicepresidenta dende 2017, formou parte do equipo de traballo que deseñou e desenvolveu o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), do que é coordinadora.
Losada foi presentada por Luis García Varela, directivo da Real Sociedad Económica de Santiago, nunha mesa de debate -que incluiu un coloquio posterior á intervención da ponente, con participación dos asistentes-, que encabezou o presidente desa institución, Francisco Loimil Garrido.



