DANIEL MENA RECIBIRÁ MAÑÁ O VIII PREMIO DE INVESTIGACIÓN HISTÓRICA DOMINGO FONTÁN
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, acompañado pola xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández Lafuente, e polo presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, Francisco Loimil Garrido, presidirá mañá a entrega a Daniel Mena Acevedo do oitavo Premio Domingo Fontán de investigación histórica (convocatoria 2022-2023).
Mena obtivo o galardón que organiza a Universidade de Santiago, o Consorcio de Santiago e a RSEAPS, dotado con 2.000 euros e un diploma acreditativo, polo seu traballo “Casas de señores. Las élites y sus residencias en Santiago de Compostela a finales de la Edad Moderna”. O acto, que incluirá unha intervención do premiado, terá lugar na sala de xuntas da sede da Real Sociedad Económica, a partir das 19,30h, e servirá tamén para a presentación da novena edición do Premio Domingo Fontán na súa convocatoria 2024-2025.