Author picture

DARÍO VILLANUEVA E BLANCO VALDÉS REIVINDICAN A RECUPERACIÓN DA RAZÓN E A APORTACIÓN DO CONSTITUCIONALISMO E O PENSAMENTO LIBERAL

O ex reitor e profesor emérito da Facultade de Filoloxía da USC e ex director da Real Academia Española, Darío Villanueva, e o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade compostelá, Roberto Blanco Valdés, presentaron esta tarde as súas últimas obras, nun coloquio moderado pola presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez, e encabezado polo presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), Francisco Loimil, que tivo lugar na sede desa institución.

Darío Villanueva asegurou que no seu ensaio El atropello a la razón (Espasa, 2024) explica como “o espírito da época contemporánea definido como posmodernidade, instaurou a quebra da racionalidade, herdanza do pensamento ilustrado, o que é consecuencia da deconstrucción, ariete do poshumanismo que caracteriza unha sociedade líquida, rexida pola intelixencia emocional e por un pensamento feble que rexeita os grandes relatos lexitimadores e que asume coa posverdade o imperio da mentira”.

“A obra amosa, con exemplos reais”, indicou Villanueva, “o disparatado que pode chegar a ser o abandono da Razón, cando esta estorba a causas como a correción política, o negacionismo científico, as imposturas intelectuais, a nova pedagoxía que xa non ten en conta a aprendizaxe dos contidos, a memoria nin o esforzo, as autodeterminacións identitarias, a deconstrucción da linguaxe, os espazos seguros nas universidades, a apropiación cultural, o sentimentalismo tóxico, o vitimismo impostado, a denominada cultura da cancelación e as novas pautas de comportamento individual e social, definidas co termo inglés woke”. “Xunto a todo ilo”, concluiu, “as exhibicións da estupidez humana vólvense facilmente virais”.

Pola súa banda, Blanco Valdés subliñou que en Revolución y Constitución destaca “a importancia que a Revolución Americana e a Constitución dos Estados Unidos tiveron na conformación do pensamento liberal e o constitucionalismo”. Para el, “o Estado Constitucional foi, sen ningún xénero de dúbidas, unha das grandes creacións da historia da humanidade, xa que con el se implantaron principios que hoxe seguen tendo plena vixencia: a separación de poderes, o recoñecemento dos dereitos e liberdades, a representación política ou a distribución territorial do poder do Estado”.

Segundo Blanco Valdés, “o constitucionalismo é o resultado dunha nueva filosofía e un novo modo de enfrontarse á realidade: o racionalismo, a sociedade aberta, a capacidade dos seres humanos de tomar as súas propias decisións ou a afirmación de dereitos inalienables e imprescriptibles, que influíron de modo decisivo na configuración política, económica, social e cultural do mundo no que vivimos”. “Nun momento no que o irracionalismo e as posicións identitaristas puxeron en discusión os grandes valores do universalismo liberal, reivindicar a achega do constitucionalismo, e máis en xeral, do pensamento liberal, resulta fundamental na defensa dunha sociedade que xerou os maiores niveis de liberdade e de igualdade que existiron nunca na historia da humanidade”, rematou.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn