Author picture

DAVID CHAO: “JUAN JOSÉ VIÑAS SITUOU Á UNIVERSIDADE DE SANTIAGO Á ALTURA DAS PRIMEIRAS UNIVERSIDADES DE ESPAÑA E LEVOUNA AO SEU MAIOR ESPLENDOR”.

David Chao Castro, profesor de Historia da Arte da USC, destacou hoxe “a transcendencia da figura de Juan José Viñas, nado en Santiago en 1811, na Compostela das décadas centrais do século XIX”, así como a súa boa xestión en tódolos cargos que exerceu, o que lle reportou “unha moi boa reputación e moi positiva memoria póstuma”.

Na conferencia que pronunciou na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), incluída no ciclo para dar a coñecer os seus fondos artísticos, que esa institución organiza co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Chao subliñou por riba de todo o “especial relevo” do papel de Viñas nas súas tres etapas como reitor da Universidade de Santiago, entre os anos 1843 e 1858.

A partir da análise dun retrato de Viñas que forma parte do patrimonio da RSEAPS, o profesor de Historia da Arte afirmou que, gracias ás xestións do reitor, este “mellorou e perfeccionou a Universidade de Santiago ata situala á altura das primeiras universidades de España,” e permitiu que acadase “o seu maior esplendor”. Tamén subliñou que, “parte deses avances que logrou, puido amosárllelos a Isabel II na visita oficial que, en compañía do resto da familia real, realizou a monarca á Universidade o 9 de setembro de 1859”. Por iso lembrou que, “aínda pouco tempo despois da súa morte, afirmábase que a Universidad de Santiago ten contraída con el eterna débeda de gratitude”.

Destacado político e presidente da RSEAPS

Antes de entrar polo miúdo nos logros canto á xestión académica do catedrático de Xurisprudencia, de Economía Política e de Dereito Político nas universidades de Santiago e de Salamanca, Chao repasou outros fitos na súa traxectoria, como o seu perfil político: foi o primeiro alcalde compostelán tra-la Restauración borbónica -malia que abandonaría o cargo en só uns meses-, varias veces deputado en Cortes, senador (o primeiro elixido en representación da Universidade de Santiago) e oficial no Consejo Real. Ademais, destacou o labor de Viñas como presidente da Real Sociedad Económica compostelá, posto que ocupou en dúas etapas distintas (1858-1860 e 1866-1867).

Segundo Chao, durante esa etapa Viñas impulsou a renovación da Escola de Debuxo dependente da RSEAPS, puxo en marcha a Revista Económica e “debeu ser decisivo tamén o seu apoio a José Sánchez Villamarín no seu proxecto de construción da primeira liña férrea de Galicia, entre Santiago (Cornes) e Pontecesures (logo ampliada ata Carril), inaugurada en 1873”. E fóra do seu mandato como presidente da Real Sociedad, destaca así mesmo “a súa probable participación” na organización da primeira Exposición Industrial en Galicia (1858) -tamén visitada por Isabel II na súa viaxe a Compostela-, ou na organización do Congreso Agrícola de 1864, onde sobresaliu co seu informe sobre o tema foral.

O profesor Chao cré que o retrato de Viñas que conserva a RSEAPS, un óleo anónimo e sen data explícita, probablemente sexa “posterior á súa morte en varios anos e realizado posiblemente a partir dunha fotografía antiga”, a mesma que podería ter inspirado outro retrato litográfico de 1884 e, mesmo, os retratos del que se conservan nas universidades de Santiago (1891) e de Salamanca -onde tamén foi reitor- (1886). Todos eles responderían ao desexo de conformar unha galería retratística dos máximos mandatarios desas institucións.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn