Diana Duo Ramila, doutora en Historia da Arte e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (colaboradora do Grupo de Investigación IACOBUS) e membro do departamento de Educación do Museo Provincial de Pontevedra, disertará mañá, mércores 14 de outubro, ás 19,30h, na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), sobre o retrato Anónimo de un caballero, un enigmático lenzo, obra de Luis de Madrazo.

A conferencia está incluída na programación de 2026 do ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, organizado pola Real Sociedad compostelá en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia, e que este ano coordina a profesora titular doutora de Historia da Arte da USC Ana Pérez Varela.
Precisamente, ela será a encargada de presentar á ponente, nunha mesa que encabezará o presidente da Real Sociedad Económica, Leopoldo Fernández Gasalla. O acceso para o público é libre e gratuíto -como en tódalas charlas deste ciclo-, incluíndo un debate aberto ás preguntas dos asistentes, trala intervención da conferenciante. Ademais, o acto será emitido en directo a través da canle de you tube da Real Sociedad: RSEAPS-Amigos del País https://www.youtube.com/@rseamigosdelpaissantiago mediante a ligazón: https://youtube.com/live/wmnaERiorIg?feature=share



