Segundo a doutora en Historia da Arte e investigadora da USC, a obra representa ao escultor galego Andrés Rodríguez y López, cuñado do pintor, e a data en 1889

A investigación da profesora Diana Duo Ramila sobre o retrato de Luis de Madrazo y Kuntz Anónimo de un caballero, que forma parte do patrimonio artístico da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), deu os seus froitos.
A doutora en Historia da Arte e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (colaboradora do Grupo de Investigación IACOBUS) e membro do departamento de Educación do Museo Provincial de Pontevedra, descobriu quen é o personaxe -descoñecido ata agora- que plasmou De Madrazo no seu óleo, e en que data o fixo.
Duo Ramila indagou no Arquivo Histórico da Real Sociedad e chegou á conclusión de que o retratado “nesta obra de especial importancia e singularidade” é o artista galego Andrés Rodríguez y López, cuñado de Luis de Madrazo (casado coa súa irmá Josefa de Madrazo), “un dos escultores máis destacados e brilantes do século XIX, nacido en Santiago de Compostela, probablemente en 1821”.
A conferenciante subliñou o vínculo de Rodríguez y López coa Real Sociedad compostelá, xa que nos seus primeiros anos foi alumno da súa Escola de Debuxo, antes de estudar na Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Tamén destacou que “foi escultor de cámara da raíña Isabel II, obtivo a primeira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1856 e concorreu ás Exposicións Universais de París en 1855 e 1867, entre outros importantes certámenes”.
1889: madurez e apoxeo de Luis de Madrazo

A outra gran revelación de Duo Ramila é a data concreta na que De Madrazo (1825-1897) pintou ese lenzo, xa que ata agora era indeterminada, só estaba catalogada entre os anos 1870 e 1875. A doutora en Historia da Arte descobriu que o fixo en 1889, cando o pintor, “un dos de maior relevo do século XIX e persoa de gran cultura, bibliófilo e colecionista,”, xa fora nomeado catedrático de Dibujo del Antiguo y Plegado de Ropajes na Escuela de Bellas Artes de San Fernando (1880), comendador da Orden de Isabel la Católica, e “encontrábase nun momento de consolidación artística e profesional”.
“O pintor achábase nese intre”, engadiu a investigadora, “en plena madurez e, neste retrato, no que sobreasae a exquisitez do debuxo, que é a base do seu traballo, obsérvase toda a mestría e grandeza da súa arte, cun estilo persoal claramente debedor da escola nazarena purista, con cuxa estética estivo fielmente comprometido, sendo un dos máximos expoñentes en España”.
Ademais, afirmou que De Madrazo realizou esta obra con motivo do pasamento do seu cuñado en 1884, para o museo da RSEAPS, e dooulla co desexo de que formase parte da súa colección. Concretamente foi o propio artista o que entregou o cadro o 19 de agosto de 1889 a Manuel López y López, socio da Real Sociedad compostelá, e a obra foi recibida en Santiago polo enton director desta institución, Joaquín Díaz de Rábago.
A raíz do estudo de Anónimo de un caballero, Duo Ramila incidiu no papel histórico de relevo da Real Sociedad compostelá, “tanto para a modernización de Galicia, como para o seu desenvolvemento nos eidos industrial, económico, educativo, artístico e cultural”, así como o seu compromiso para “seguir dando pulo e desenvolvendo distintas actividades culturais de carácter público”.
A conferencia de Duo Ramila forma parte da programación de 2026 do ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, organizado pola Real Sociedad compostelá en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia, e que este ano coordina a profesora titular doutora de Historia da Arte da USC Ana Pérez Varela. Precisamente ela foi a encargada de presentar á ponente, nunha mesa que encabezou o presidente da RSEAPS, Leopoldo Fernández Gasalla.



