Author picture

DIEGO RODRÍGUEZ PAZ: “DIONISIO FIERROS FOI UN DOS PINTORES PREDILECTOS DA SOCIEDADE COMPOSTELÁ DA SEGUNDA METADE DO SÉCULO XIX”

“O éxito do estilo de Dionisio Fierros (1827-1894) o convirte nun dos pintores predilectos da sociedade compostelá durante a segunda metade do século XIX”. Esta é unha das conclusións da conferencia que Diego Rodríguez Paz pronunciou esta tarde na Real Sociedad Económica e que xirou arredor dos tres retratos do pintor asturiano que atesoura a RSEAPS.

O investigador, profesor de Ensino Secundario e doutor en Historia da Arte pola USC afirmou que Fierros “supón unha renovación no contexto artístico da cidade de Santiago, ao introducir en Galicia unha nova corrente que, daquela, trunfaba en outras zonas do Estado español: o purismo romántico que aprendera en Madrid do seu mestre, Federico de Madrazo”.

Na súa conferencia, a cuarta en 2024 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País e os seus Fondos Artísticos”, organizado pola RSEAPS co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Rodríguez Paz explicou tamén que a través deses retratos “achegámonos á fidalguía e á burguesía compostelá de mediados do século XIX, entre as que se encontraba a maior parte da clientela do pintor, e comprobamos a vinculación do matrimonio Sánchez Seijas-Rodríguez Castro con outras familias como os Rúa Figueroa ou os Pardo Bazán”.

Os tres retratos de Dionisio Fierros que conserva a RSEAPS plasman ao matrimonio formado por Antonio Sánchez Seijas e María Luisa Rodríguez Castro, e a unha muller de identidade descoñecida. Rodríguez Paz estima que esas obras -cuxa datación tratou de demostrar- sitúanse entre as dúas estadías máis salientables de Fierros en Santiago de Compostela: 1855-1858 e 1872-1873. Segundo el, “o retrato de Sánchez Seijas permite ademais explicar como Fierros, tra-la súa etapa de formación en Madrid, recala en Compostela gracias ao seu oficio de retratista, movido por unha clientela en aumento, ademais do seu interese por temas costumistas galegos”. 

Ademais, lembrou que o pintor asturiano participou en 1858 na Exposición Agrícola, Industrial e Artística de Galicia, que organizou a Real Sociedad Económica compostelá, e que “os seus retratos e cadros de costumes, válenlle o recoñecemento de público e crítica, así como o seu nomeamento como socio de mérito da Sociedade Económica”.

Rodríguez Paz foi presentado polo catedrático emérito de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da USC José Manuel López Vázquez, nun acto que conduciu o presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, Francisco Loimil Garrido.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn