O coordinador científico do Observatorio da USC puxo en valor que neste mes se cumpren 100 anos da chegada do telescopio Steinheil, decisivo para a investigación astronómica en Galicia
Neste mes de abril cúmprense 100 anos da chegada a Galicia do telescopio Steinheil, un refractor que o sacerdote, matemático e astrónomo Ramón María Aller mercouse en Alemaña para dotar ao observatorio que decidiu crear ao carón da súa vivenda de Lalín, que supuxo o inicio da investigación astronómica en Galicia. O catedrático emérito de Astronomía da USC, actual coordinador científico do Observatorio Ramón María Aller da Universidade compostelá, que dirixiu durante anos, José Ángel Docobo Durántez, percorreu na Real Sociedad Económica de Santiago eses cen anos de historia astronómica na nosa comunidade autónoma.
Na súa conferencia na RSEAPS, incluída no ciclo organizado por esa institución “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, explicou como a idea de Aller Ulloa xurdiu tra-las súas numerosas estadías no Observatorio particular que Luis Ocharan tiña en Castro Urdiales, transformando en 1917 as dúas torretas da súa casa da capital do Deza nunha cúpula, para dar acobillo nela ao novo telescopio que chegou a Lalín en 1925. “Un departamento para o teodolito”, engadiu, “completou esa nova instalación, que marcou un punto e aparte da súa produción científica, e un punto de inflexión nos programas de observación do pai Aller”.
Docobo, que foi presentado polo directivo da Real Sociedad Santiago Bermejo Díaz de Rábago, nunha mesa de debate que encabezou o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido, lembrou que o telescopio foi trasladado posteriormente ao Observatorio do campus compostelán, onde se encontra desde hai xa máis de 80 anos. E destacou que “Aller foi dende Lalín o introdutor do estudo das estrelas dobres visuais en España, con múltiples series de medidas micrométricas publicadas nas Astronomische Nachrichten alemás, pero tamén o autor das primeiras órbitas deses sistemas, calculadas no noso país”.
Creación do Observatorio da USC e chegada do telescopio en 1944
Despois dun convite nos anos 20 do século pasado para incorporarse á Universidade de Santiago, que Aller rexeitou para continuar coa súa vida en Lalín, atendendo aos seus labores astronómicos e axudando tamén aos seus conveciños, aceptou incorporarse rematado o triste episodio da contenda civil, en principio, para explicar Análise Matemática e Xeometría Analítica, dada a escaseza de profesores desas materias que había en 1939”, detallou o doutor en Astronomía.
“O profesor Enrique Vidal Abascal”, engadiu Docobo, “discípulo e amigo de don Ramón, foi quen retomou a idea de darlle carácter oficial ao Observatorio lalinés, facendo as xestións pertinentes ante o Consejo Superior de Investigaciones Científicas”. Con todo, non foi ata 1943 co nomeamento de Aller como director do novo Observatorio compostelán, “cando se fixo realidade a vella idea de antes do 36 dos investigadores Luis Iglesias Iglesias e Isidro Parga Pondal, truncada pola morte en accidente do reitor Cadarso”. “As obras do novo Observatorio remataron en 1944 e, en abril dese ano, o refractor Steinheil chegou a Compostela”.
Segundo o profesor, “malia que o pai Aller foi nomeado director do Observatorio xa con 65 anos, estaba dotado dunha grande vitalidade, que transmitiu aos seus colaboradores en Santiago, continuando coas súas observacións de estrelas dobres, ocultacións de estrelas pola lúa e paso de estrelas por dúas verticais perpendiculares”. “Ao mesmo tempo, dirixiu cinco teses de doutoramento, rematou en 1948 o libro de divulgación Astronomía a simple vista, ingresou nese mesmo ano na International Astronomical Unión, na Comisión 26 de Estrellas Dobles y Múltiples, creándose ao pouco tempo, cando Aller xa era doutor, a cátedra de Astronomía que el mesmo ocupou”.
Docobo resaltou tamén que “Aller -entre outros persoeiros como Vidal Abascal, García-Rodeja ou Ferrín Moreiras-, foron quen de poñer en valor tamén as Matemáticas en Galicia, a través da sección Durán Loriga creada no Observatorio de Astronomía Teórica e Matemática, que foi ademais o berce do cal crearíase na década dos 50, a sección de Matemáticas na Facultade de Ciencias e, polo tanto, os estudos da licenciatura de Matemáticas en Galicia”.
Tra-lo pasamento de Aller en 1966, o Observatorio “sufriu unha longa travesía do deserto, ata que a Reitoría, decidiu reactivalo en 1981”. O entón reitor, profesor Suárez Núñez, apurado polo profesor Vidal, que foi sempre un gran valedor do Observatorio, contactou co profesor José Ángel Docobo, doutor en Astronomía e profesor adxunto na Universidade de Zaragoza, “para convidarlle a volver a Galicia co fin de facerse cargo, tanto da desatendida docencia de Astronomía, como sobre todo para poñerse á fronte da recuperación física e científica do Observatorio”.
“Esforzo en tódalas direccións para recuperar o tempo perdido”
Ese paso conlevou un “extraordinario esforzo en tódalas direccións para recuperar o tempo perdido”, que incluiu “puntos esenciais como o desenvolvemento de proxectos de investigación, a incorporación de persoal, a adquisición de instrumentación, a dirección de teses de doutoramento, numerosísimas publicacións nas máis sobranceiras revistas internacionais, o cálculo de 700 órbitas de binarias mediante un método orixinal, a posta ao día da biblioteca, multitude de prácticas do alumnado e a apertura do Observatorio á sociedade”.
Docobo suliñou ademais que a organización de Congresos, nos que participaron os máis importantes especialistas mundiais de Mecánica Celeste e Estrelas Múltiples, a edición da Circular de Información de Estrellas Dobles, etc., fixo que a International Astronomical Union (IAU) se fixase no Observatorio da USC. Por iso, “no período 2009-2012 foi, por elección entre os seus membros, sede da presidencia da Comisión de Estrellas Dobles y Múltiples na persoa do seu director, sendo a terceira vez que un investigador español, e a primeira vez no caso dun galego, que accedía á presidencia dunha comisión da IAU”.
O profesor Docobo consolidou o estudo físico e dinámico das estrelas dobres e múltiples como principal liña de investigación, establecendo múltiples contactos no estranxeitro, pero tamén introduciu outras liñas como escenarios con masa variable, dinámica de exoplanetas e exosatélites, ou historia da Astronomía.
“Finalmente, en 2003”, engadiu, “a través dunha convocatoria pública de instrumentación da Xunta de Galicia, puido acadarse o gran telescopio polo que se viña loitando tantos anos; un reflector Ritchey- Chretien, de 0,62m de apertura, construído nunha experimentada factoría de San Petersburgo”.
“O traballo realizado nas últimas décadas”, sentenciou, “tanto en investigación, como en docencia e divulgación, con múltiples programas propios financiados pola FECYT, a Xunta de Galicia e a USC, tivo recoñecemento en distintos foros”. “En docencia, a Astronomía volveu acadar a calidade de antaño e o centro dispón dunhas instalacións moi dignas, ás que acuden centos de persoas ao ano, sobre todo grupos escolares de toda Galicia”.
Docobo quixo destacar tamén outros fitos desa etapa, como o desenvolvemento do proxecto completo do Observatorio de Monte Faro mediante un convenio entre a Xunta e a USC –“que logo lastimosamente non se chegou executar”-; a recuperación do antigo Observatorio de Lalín; a recuperación en 1981 da estación meteorolóxica, que achega os datos máis fiables de precipitación da cidade de Santiago; e o traballo que están desenvolvendo na actualidade co Concello compostelán para intentar eliminar a contaminación luminosa no campus “e así deixar unhas instalacións sostibles con vistas ao futuro”.