Imagen del autor

EREA CASTRO: “A RSEAPS DEIXOU UNHA FONDA PEGADA EN GALICIA E BOA PARTE DA SÚA MEMORIA ESTÁ RECOLLIDA NAS SÚAS MEDALLAS CONMEMORATIVAS”

A conservadora numismática do Museo de Pontevedra disertou na Real Sociedad Económica de Santiago sobre a colección desas pezas, que forman parte do patrimonio artístico da institución

A conservadora numismática do Museo de Pontevedra Erea Castro Alfonso realizou un percorrido pola historia da Real Sociedad Económica de Amigos de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) a partir da colección de medallas desa institución, que forman parte do seu amplo patrimonio artístico.

Para Castro, “a historia dunha institución pode rastrexarse a través das pegadas que deixa no tempo” e, nese senso, defiende que “no caso da RSEAPS esas pegadas non só quedaron fondamente marcadas na historia de Galicia, senón que continúan vivas nunha institución que, aínda hoxe, segue moi activa, en constante diálogo coa sociedade e facendo vixente o seu lema: “Baixo a súa protección, prosperarán”.

A conservadora cré que “ese percorrido histórico non se manifesta unicamente en documentos, acordos ou debates trasladados á prensa, ao Senado ou ao Congreso”, senón que tamén se reflicte “nas redes de colaboración tecidas ao longo dos séculos, nos espazos de intercambio intelectual e nas sinerxias xeradas nos eidos da ciencia, a cultura, a política e o ensino”.

Segundo ela, boa parte desa memoria da Real Sociedad “permanece recollida nuns pequenos obxectos, que acotío pasan inadvertidos para a meirande parte da ciudadanía e que adoitan contemplarse tan só como pezas decorativas dentro dunha vitrina: as medallas conmemorativas”. E por ilo centrou a súa intervención en analizar a colección de medallas da RSEAPS, considerándoas non só como obxectos artísticos ou numismáticos, senón tamén como “testimonios materiais da súa actividade e do seu tempo”.

Castro ve as medallas da Real Sociedad como “un soporte privilexiado de expresión das iniciativas impulsadas pola institución, os premios concedidos, as relacións de cooperación establecidas con entidades homólogas españolas e estranxeiras, así como determinados exemplos que reflicten as correntes ideolóxicas de cada época”. “Mesmo”, engade, “algúns elementos inéditos permiten recoñecer o compromiso simbólico e institucional que implicaba pertencer e ser recoñecido dentro da corporación”.

Por último, a ponente estima que, o mesmo que sucede coas moedas, as medallas foron a miúdo infravaloradas, debido ao seu reducido tamano ou á modestia dos seus materiais. “Con todo”, concluiu, “nesas pequenas superficies condénsanse discursos, valores e mensaxes de enorme relevo histórico”. 

A conferencia de Erea Castro, está incluída na programación de 2026 do ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, organizada pola Real Sociedad compostelá, en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS, da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. A encargada de presentar á conferenciante foi Ana Pérez Varela, profesora titular doutora de Historia da Arte da USC e coordinadora este ano deste ciclo de conferencias, nunha mesa que encabezou o presidente da Real Sociedad compostelá, Francisco Loimil Garrido.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn