Nunha mesa debate na Real Sociedad Económica compostelá María Bastida, María Pais e Ramón Salgado reclamaron unha planificación estratéxica e plurianual do solo industrial en Compostela
Constituír un consorcio industrial metropolitán na comarca de Santiago, capaz de captar investimentos. Ese é un dos puntos de coincidencia que atoparon nunha mesa debate na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) a profesora da Facultade de Económicas da USC María Bastida, a presidenta da Cámara de Comercio compostelá, María Pais, e Ramón Salgado, director xeral de Limpiezas Salgado.
Todos eles analizaron a situación presente e os retos de futuro do tecido empresarial en Santiago.

Bastida alertou de que Santiago pode perder industria “non por falta de ideas, senón por falta de decisións”. Nese sentido, reclamou que a USC actúe “como un axente económico”, para evitar que o investido en formación e talento remate indo a outras cidades, e que acrecente a súa relación coa empresa, deseñando proxectos conxuntos con ela.
A profesora lembrou que “Santiago perdeu oportunidades por falta de solo industrial ou por procesos tan lentos, que a competencia chegou antes”. Por iso demanda parques empresariais con xestión profesional -“máis que se son públicos, privados ou mixtos”-; un programa dual de FP-USC para cubrir perfís tecnolóxicos críticos, porque “hoxe non temos o persoal técnico necesario para soster un crecemento industrial serio nos próximos dez anos”; a axilización dos procesos administrativos (“os PIEs son un paso, pero insuficiente”); e un proxecto industrial claro, que evite “a competencia silenciosa, en función unicamente do curto prazo, entre os usos residenciais, turísticos e produtivos”.
E canto á captación de investimentos, Bastida cré imprescindible crear unha oficina profesional, liderada por un consorcio no que participen Cámara de Comercio, USC, Concello, Xunta e empresas, que realice un traballo con “obxectivos claros, indicadores públicos e continuidade no tempo”. “O obxectivo de acadar un 10-15% de peso industrial no VAB da cidade, non é utópico, o utópico é pensar que o podemos lograr sen decisións valentes… Santiago non necesita copiar a Vigo ou á Coruña, senón que necesita construír o seu propio modelo industrial”, concluiu.
O exemplo da cidade de Cambridge
A presidenta da Cámara de Comercio, concorda en que Santiago non conta con solo industrial suficiente e é necesario planificalo a 30 anos vista, “como fixo por exemplo en 2015 Cambridge, cidade similar a Santiago, que pasou de 473 empresas nese ano a máis de 850 en 2024-2025”.
María Pais identifica como principais problemas en Santiago “a falta de planificación polo uso político do solo, os custos elevados e a poca competitividade fronte a municipios limítrofes, a infraestructura loxística limitada”, polo que augura un futuro “incerto” nos próximos 5/10 anos. “Non debería de haber competencia entre usos do solo residenciais, comerciais, industriais e turísticos, porque son as administracións as que deciden o uso e o certo é que, na actualidade, un polígono que debería ser industrial, converteuse nun polígono comercial”.
Segundo ela, os sectores que máis solo demandan a día de hoxe son o biotecnolóxico e da saúde, tecnoloxías dixitais, agroalimentación, loxística e empresas auxiliares de construción ou madeira. Salienta o papel do Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio como “un bo camiño para axudar ás empresas a superar os problemas de mortalidade temprana e falta de experiencia dos emprendedores”
E aposta, ao igual que Bastida, por crear un consorcio metropolitán industrial de Santiago cos obxectivos de planificar conxuntamente o solo, crear unha ventanilla única para investidores (para licencia e permisos), compartir infraestruturas loxísticas, e levar a cabo accións de marketing conxunto para a captación de investimentos. “Levamos anos clamando por unha oficina de investimentos, como organismo público-privado, sen interese político, que reúna a empresas, Universidade e sector público, e que debe estar liderada pola Cámara de Comercio”.
“Defender o noso con moita máis intensidade”
Por último, Ramón Salgado cré que “na nosa comarca o que vemos son polígonos comerciais e para actividades de servizos, agás das cinco ou seis empresas que todos coñecemos”. É evidente a falta de solo en Santiago”, engadiu, “pensando en grandes proxectos industriais”, polo que é preciso “abordar con ambición unha planificación a 10-15 anos vista, pensando no crecemento dos actuais polígonos do Tambre, Costa Vella e Novomilladoiro”.

Outra das necesidades perentorias, segundo el, é crear unha ventanilla única “que acompañe ás empresas en todo tipo de trámites dende a súa posta en marcha (licencias de obra e permisos de apertura) ata o cumprimento de requerimentos medioambientais”.
Salgado chama a atención ademais de que, “malia que hai xa máis de 11 anos constituíuse un Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, hoxe estamos ante un panorama desolador canto a comunicacións aeroportuarias, que son claramente peores que hai unha década”. Sobre a Universidade, afirma que a súa experiencia en xeral é boa, con presenza total no equipo de estrutura da súa empresa e becarios que se quedan nela tralas prácticas, pero cré que é necesario “defender o noso con moita máis intensidade, porque permitir que se divida a nosa Facultade de Medicina, por exemplo, paréceme unha barbaridade”.
Finalmente, apostou pola cooperación intermunicipal “para poder afrontar proxectos que, pola súa importancia ou complexidade, exceden as capacidades dos concellos individuais”, así como por un proxecto comarcal ambicioso e de futuro, que “aínda que prime os investimentos locais, non desbote ou rexeite investimentos exteriores pola nacionalidade das empresas que presenten eses proxectos”.
Na mesa debate sobre tecido empresarial de Santiago, incluída no programa de 2025 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, Jorge Lorenzo Souto, tesoureiro da Real Sociedad Económica actuou como presentador e moderador.



