O catedrático de Xeografía e Historia do IES Rosalía de Castro glosou na RSEAPS a figura do quinto marqués de Santa Cruz de Rivadulla a partir do retrato do nobre que pintou José María Fenollera

“A don Juan Armada Guerra (1796-1871), quinto marqués de Santa Cruz de Rivadulla, que foi designado director da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago en 1833, tocoulle resucitar unha institución que fora anulada durante a última década do reinado de Fernando VII, por causa da súa inspiración liberal”. Esta é unha das conclusións que o catedrático de Xeografía e Historia do IES Rosalía de Castro de Santiago Leopoldo Fernández Gasalla tira da análise da figura do marqués, sobre o que disertou esta tarde na sede da RSEAPS a partir do retrato do nobre, pintado por José María Fenollera e que forma parte do patrimonio desa institución.
Na charla, que forma parte do programa de 2025 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade compostelá, Fernández Gasalla percorreu a biografía de Armada, lembrando que “don Juan se criara no seo dunha familia ilustrada, que atesouraba dende o século XVII unha magnífica biblioteca”. “O seu pai, don Juan Ignacio Armada Mondragón”, explicou o catedrático, “mandara o batallón literario, formado por estudantes composteláns, ao inicio da Guerra da Independencia (1808), e fora un militar profesional de ampla cultura”. “O propio don Juan estudara na Academia de Matemáticas e no Colexio de Artillería, polo que posuía notables coñecementos en materia científica”, engadiu.
A crise pola primeira Guerra Carlista e as estreiteces presupuestarias
Fernández Gasalla, que foi presentado por David Chao Castro, profesor contratado doutor de Historia da Arte da USC, nunha mesa que encabezou o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido, sinalou tamén que “don Juan Armada valeuse do seu cargo como senador para dotar de protectores a unha institución (a RSEAPS), que tivo que botar a andar no medio da crise causada pola primeira Guerra Carlista e polas enormes estreiteces presupuestarias ocasionadas por unha avultada débeda pública”. Nese senso, dixo, “el e os seus colaboradores recuperaron para a Real Sociedad aos antigos socios, nomeando a moitos outros novos entre as personalidades máis cultas da sociedade compostelá e galega”. “Ademais, lograron que aceptasen selo tamén, tanto personalidades clave da Administración en Galicia, como galegos ou personaxes de relevo vinculados a esta terra, que servían na Corte”.

E salientou que, “co apoio do tamén ilustrado conde de Gimonde, restaurou a Escola de Debuxo da Real Sociedad e puxo en marcha unha cátedra de Química Aplicada ás Artes, dirixida polo doutor Casares, catedrático de Universidade, para o que o marqués chegou adquirir instrumental químico cos seus propios medios”. “Tras ter que enfrontarse a incontables dificultades económicas causadas polas demoras do Goberno no pago dos salarios dos profesores, e de terse mantido na dirección da Real Sociedad con Gobernos de signo tan oposto como o do absolutista Cea Bermúdez ou os do liberal moderado Martínez de la Rosa e o liberal exaltado Mendizábal, don Juan Armada cedeu o posto en 1840 trala chegada do liberal progresista Espartero en 1840”, concluiu.
A conferencia de Fernández Gasalla, enmarcada no período que abarca da Ilustración ao Moderantismo Liberal (1834-1840), tivo como punto de partida o retrato póstumo de don Juan Armada, pintado por José María Fenollera en 1897 para a galería de personalidades ilustres da Real Sociedad Económica compostelá, tomando como fonte de inspiración unha fotografía. “Unha práctica que”, lembrou, “viña dándose en España dende 1855 e xa fora empregada por ese pintor dende 1876, polo que no retrato do marqués obsérvase un efecto de difuminado no rostro, que o inserta na corrente que os pintores franceses contemporáneos crearan baseándose na fotografía”.



