Author picture

FERNÁNDEZ GASALLA: “OS FUNDADORES DA RSEAPS MERECEN SER LEMBRADOS POLOS SEUS ESFORZOS PARA MELLORAR A CONDICIÓN SOCIAL DOS GALEGOS”

O catedrático de Xeografía e Historia do I.E.S. Rosalía de Castro de Santiago Leopoldo Fernández Gasalla mergullouse esta tarde nas orixes da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago. Fíxoo nunha conferencia na sede desa institución, na que reflexionou sobre a carreira profesional e as tarefas filantrópicas desenvolvidas por dous eclesiásticos, partícipes do movemento da Ilustración e que formaron parte do grupo de cinco socios que fundou a RSEAPS en 1783, durante o reinado de Carlos III.

A disertación partiu da análise iconográfico dos retratos de Pedro Antonio Sánchez Vaamonde (1874) e de Antonio Páramo y Somoza (1871), obra de Manuel Fernández, profesor de debuxo da Real Sociedad Económica entre 1879 e 1886. Fernández Gasalla afirmou que “ambos os dous personaxes merecen ser lembrados polos seus esforzos para mellorar a condición social dos galegos, dotándoos de coñecementos cos cales puidesen superar a pobreza cos seus propios méritos e iniciativas”.

Destacou tamén que Páramo y Somoza (1732-1786), licenciado en Dereito, “viaxou por Europa para estudar agricultura, industria e belas artes, reunindo unha gran colección de libros e obras de arte, e o seu gabinete mineralóxico foi no seu día o mellor de España”. “Dende o seu posto de reitor da Universidade de Santiago”, subliñou, “participou na súa reforma e rematou os seus días como bispo de Lugo”.

Canto a Sánchez Vaamonde (1749-1806), Fernández Gasalla lembrou que foi colexial de Fonseca en Compostela e que “actuou como responsable da biblioteca arcebispal aberta ao público polo arcebispo Bocanegra en 1782”. “Ademais”, sinalou, “foi director da Real Sociedad Económica de Amigos del País en 1789”. “Sánchez Vaamonde destaca sobre todo polos seus escritos sobre Economía nos que, partindo de principios liberais, procurou estimular a redención do campesiñado galego a través da educación e do progreso económico”, concluíu.

O acto, incluído na programación de 2024 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, que a RSEAPS organiza en colaboración co grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC, estivo encabezado polo presidente da Real Sociedad, Francisco Loimil Garrido, e a encargada de presentar ao conferenciante foi María Dolores Barral Rivadulla, profesora titular de Historia da Arte da USC.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn