Author picture

FRANCISCO DURÁN: “DOMINGO FONTÁN SERÁ LEMBRADO A PERPETUIDADE POLA SÚA CARTA XEOMÉTRICA DE GALICIA, PERO IMPULSOU TAMÉN IMPORTANTES PROXECTOS COMO O TRAZADO FERROVIARIO ENTRE CORNES E CARRIL”

 

Francisco Durán, profesor titular de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), protagonizou a terceira das conferencias do ciclo organizado pola RSEAPS para mostrar o notable patrimonio artístico que atesoura, en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade compostelá.

Durán, que foi presentado pola profesora titular de Historia da Arte da USC Begoña Fernández Rodríguez, disertou sobre un retrato anónimo de Domingo Fontán propiedade da RSEAPS e, a través del, achegouse á figura do cartógrafo e xeógrafo galego. Destacou “a formación filosófica, teolóxica e matemática deste senlleiro catedrático de matemáticas sublimes da Universidade de Santiago, director do Observatorio Astronómico de Madrid e primeiro catedrático director da Escuela de Ingenieros Geógrafos de Madrid (1835)”.

                                             

Na súa intervención, Durán afirmou que Domingo Fontán “será lembrado a perpetuidade pola súa Carta Xeométrica de Galicia” xa que, nela, “ademais de recoller os cambios políticos e territoriais derivados do Decreto de Javier Burgos de 30 de novembro de 1833, introduce a triangulación xeodésica e o sistema métrico decimal, ao ser levantada cunha escala do cenmilésimo, por claro influxo do seu mestre, o matemático José Rodríguez”.

O profesor de Xeografía sinalou ademais que, gracias ao retrato realizado en Madrid polo pintor da Corte Antonio María Esquivel, en 1852, que servíu de inspiración ao que forma parte da galería da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, “coñecemos meticulosamente o rostro de Domingo Fontán”. “Esa obra lembra a súa etapa como director, pero tamén como bibliotecario, profesor e impulsor de importantes proxectos de desenvolvemento, como foron a formación profesional ou o trazado ferroviario entre Cornes e Carril”, engadíu Durán.

                                                                                                                                       

Por último, citou alguns antecedentes da obra de Esquivel que inspirou o cadro da RSEAPS, entre eles, o debuxo realizado por José Peña, profesor da Escola de Debuxo “da Económica”, de 1884, ou o “Víctor” asinado por Elvira Santiso, nos anos inmediatos ao remate da Guerra Civil.

O ciclo sobre o patrimonio artístico da RSEAPS continuará en xuño cunha conferencia de Juan Monterroso, catedrático de Historia da Arte da USC, que disertará sobre o óleo do século XVII “Parnaso”. E completarase coas charlas de Ana Pérez Varela, profesora axudante doutora da USC, sobre o reloxio da saá de xuntas da RSEAPS, en outubro; de Mirian Elena Cortés, profesora axudante doutora da USC sobre a escultura “Violinista”, en novembro; e de José Manuel García Iglesias, catedrático emérito de Historia da Arte da USC, en decembro, sobre o retrato do escultor Sanmartín. Todas as conferencias deste ciclo terán lugar na sede da RSEAPS, no número 4 da praza Salvador Parga, e serán de libre acceso para o público ata completar aforo.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn