Author picture

FRANCISCO JOSÉ PRIETO: “A PRESENZA MATERIAL DA IGREXA EN COMPOSTELA XUSTIFICA QUE PARTICIPE NA REFLEXION SOBRE CUESTIÓNS QUE AFECTAN Á CIDADE”

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, asegurou esta tarde que “a presenza material da Igrexa en Compostela, considerablemente maior que noutras cidades, fai que por unha banda os cidadáns a sintan con maior intensidade, e por outra, xustifica de seu e fai xurdir para ela a oportunidade, pero tamén o reto e a responsabilidade, de poder participar nos procesos de reflexión sobre as cuestións que afectan ou interesan a Santiago”.

Verbas de monseñor Prieto na sexta e última mesa de debate deste ano -a última antes do descanso estival- do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS). O arcebispo, que titulou a súa intervención “Unha cidade de Deus, unha cidad dos homes”, referiuse tamén ao interese da Administración e as empresas privadas por abrir cauces de colaboración para darlle unha segunda vida de servizo á cidadanía ao patrimonio inmobiliario da Iglexa compostelá. Canto ese asunto, sinalou que “a reflexión que habería que abordar, sen dúbida, está relacionada cos custos de conservación, a depreciación por encontrarse en mal estado e a falta de interese directo para as actividades da Igrexa”, polo que sentenciou que quizais todo iso “aconselle explorar esas vías de colaboración”.

Prieto afirmou tamén que “a Igrexa de Santiago é de longo a entidade que ten maior compromiso coas necesidades das persoas e as súas carencias, non só espirituais, senón afectivas, económicas, laborais, sociais e familiares” e, nese senso, indicou que “tal vez sería necesaria unha maior reafirmación pública da súa intención de ser a voz dos que non teñen voz”. Todo iso, segundo o arcebispo, dentro do amplo movemento da xustiza social, “do que forma parte por dereito propio a Doutrina Social da Igrexa e no que a sociedade no seu conxunto, e o Estado en particular, deben procurar o equilibrio e a equidade entre a poboación”.

Preservar a identidade cristiá do Camiño de Santiago

Ademais, o arcebispo falou sobre o debate público, “quizais das persoas máis implicadas coa Igrexa”, sobre a “necesidade de evitar a perda de identidade cristiá do Camiño de Santiago, cuxa identidade espiritual e relixiosa estamos convocados a preservar como un desafío e unha responsabilidade”. E apostou polo ecumenismo e o diálogo interrelixioso -a importancia da relixiosidade popular- como camiño de integración dos inmigrantes.

Nunha análise máis xenérica sobre a situación actual da sociedade, Prieto afirmou que “non estamos vivindo simplesmente unha época de cambios, senón un cambio de época, con cambios socioeconómicos, tecnolóxicos e culturais, coa penetración dunha especie de deconstruccionismo, onde a liberdade humana pretende construílo todo dende cero”. Dende o seu punto de vista, iso leva a que só quede en pé “a necesidade de consumir sen límites e a acentuación de moitas formas de individualismo sen contidos, o enxame dixital e os desafíos da intelixencia artificial”. “Afrontamos”, dixo tamén, “os retos dun relativismo cultural e relixioso e un cambio antropolóxico de calado, polo que ante o ser humano que busca a verdade e o sentido da súa vida, a Igrexa axuda e propón ás persoas descubrir o sentido da súa propia existencia”.

Volver á política do servizo ao pobo e o ben común

Tras citar a Juan Pablo II e a Benedicto XVI nas súas viaxes a Santiago, para resaltar a importancia de Compostela como un dos centros da cristiandade (o primeiro), e ao servizo imprescindible ao home respondendo á súa pregunta por Deus (o segundo), o arcebispo fixo tamén unha referencia á situación actual no mundo: “Cando nos programas electorais a noción do ben común foi substituída pola de interese xeral -que en absoluto son sinónimos-, cando se cumpriron dous anos da guerra de Ucraína, a Terra Santa segue en dramático conflito e Europa semella cansa e deprimida; e cando o desenvolvemento da intelixencia artificial acelerouse e xera unha grande incertidume; é precisamente cando os católicos temos que comprometernos coa mellor política, esa que está verdadeiramente ao servizo do pobo, do ben común e da fraternidade”.

Monseñor Prieto foi presentado por Fernando Barros Fornos, ecónomo da Archidiócese de Santiago de Compostela e secretario da RSEAPS, nun acto que encabezou o presidente da Real Sociedad, Francisco Loimil Garrido.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn