Francisco Singul Lorenzo, xefe da área de Cultura Xacobea da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia e doutor en Historia da Arte pola USC, fixo na Real Sociedad Económica un perfil do arcebispo compostelán Sebastián Malvar y Pinto, a partir do retrato de autor descoñecido que actualmente colga na sala de xuntas da RSEAPS.
Na conferencia sobre esa obra e sobre o franciscano pontevedrés da Ilustración, incluída no ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus Fondos Artísticos”, organizada por esta institución en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, Singul salientou as obras públicas levadas a cabo polo relixioso, “por inspiración de Carlos III”.
O conferenciante lembrou que Malvar y Pinto “fíxose cargo da mitra compostelana entre 1783 e 1795, trala súa experiencia como bispo de Bós Aires” e que, na súa viaxe de regreso a España, “o prelado tivo a oportunidade de traer unha apreciable cantidade de cartos”, cos que se acometeron as mencionadas obras. “Estes proxectos para o beneficio público”, engadiu, “concretáronse nas obras do Camiño e Real Plantío de Santiago a Pontesampaio, cos que puido crear unha moderna vía de comunicación, con calzada, pontes e arboredas, trazada entre Compostela e o punto máis meridional da diócese”.
Singul sinalou ademais que o arcebispo, que fino una capital galega en 1795, “quixo crear tamén un montepío para artesáns, campesiños e probes” e concebiu “ambiciosos proxectos” como “unha canle para unir Santiago coa ría de Muros e Noia, ademais de propoñerlle ao mestre de obras da basílica xacobea e a un novo arquitecto académico, os planos de remodelación da catedral de Santiago”. “Ese proxecto, non viu a luz polos avatares da historia e debido á morte de fray Sebastián”.
Canto ao retrato do arcebispo Malvar y Pinto que forma parte do patrimonio da RSEAPS, Singul subraia que o prelado “sitúase de pé, ollando cara o espectador, tomando coa súa man esquerda un libro que descansa sobre unha mesa na que tamén hai un crucifixo; na destra mostra unha carta ou documento selado, que parece sinalar unha cartela cun texto onde se indica o seu nome e o seu carácter de fundador e primeiro director da Sociedad Económica compostelá”. Ademais, a imaxen do arcebispo “evidencia a súa proximidade á Coroa, xa que porta a banda e a Gran Cruz de Carlos III, xunto co pectoral propio do seu cargo”.
Respecto á data e autoría do lienzo, Singul afirma que “non pode ser anterior a 1789, ano no que o arcebispo recibe a condecoración carolina, polo que poderíamos pensar”, engade, “que foi pintado entre dito ano e a súa morte, en 1795”. “O seu autor”, concluiu, “quizais foi Plácido Fernández Arosa (1760-1838), artista formado na Academia da propia Sociedad Económica e, gracias ao patrocinio do prelado de Compostela Malvar y Pinto, alumno tamén da Academia de San Fernando, en Madrid -na que pasa cuatro ou cinco anos-, desde abril de 1794”.
Singul Lorenzo foi presentado polo catedrático de Historia da Arte da USC e directivo da RSEAPS Juan Manuel Monterroso Montero.
Francisco Singul Lorenzo Francisco Singul é doutor en Historia da Arte pola USC, xefe da área de Cultura Xacobea na S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia e comisario de exposicións. Doutorouse con premio extraordinario, baixo a dirección do profesor José Manuel García Iglesias, cun traballo sobre a arquitectura da cidade de Santiago durante a Ilustración. É membro do Comité Internacional de Expertos del Camino de Santiago e secretario da revista de investigación Ad Limina, publicación científica e interdisciplinar sobre o camiño de Santiago e as peregrinacións, que forma parte dos índices e bases de datos de maior proxección internacional. Pronunciou conferencias en congresos e encontros internacionais en diversos países de Europa, Asia e América e, dende hai diez anos, participa no Máster de Xestión de Patrimonio da USC como profesor convidado. Entre os seus libros sobreasen “Historia Cultural do Camiño de Santiago” (Vigo, 1999); “La Ciudad de las Luces” (Santiago, 2001); “Vino y Cultura Medieval” (Santiago, 2010); ou “Camino de Vence al Tiempo. La Peregrinación a Compostela” (Madrid, 2020). Parte da súa tese doutoral versou sobre o estudo do plan de reorganización integral da catedral de Santiago que ideou o arcebispo compostelán Sebastián Malvar y Pinto a finais do século XVIII, pero que se frustrou debido aos acontecementos históricos da época e á morte do prelado. |