O exalcalde da Coruña lembra que a Transición apoiouse na reconciliación nacional, a vía reformista e o consenso, “contrapostos á división frontista que por desgracia existe hoxe en España”
O exalcalde da Coruña e exembaixador de España ante a Santa Sede, Francisco Vázquez Vázquez, cre que na actualidade “vivimos tempos procelosos, nos que a Constitución se reinterpreta alterando o seu contido e os seus obxectivos, e mesmo preténdese dar por rematado o ciclo histórico iniciado en 1978, deslexitimar o proceso de transición democrática que deu orixe ao excepcional e longo período de liberdade e progreso que temos disfrutado nas catro últimas décadas, rachando ademais co illamento que España sofriu nos dous séculos anteriores”.

Vázquez, que inaugurou neste 2025 o ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), lembrou que a súa condición de deputado constituínte, ademais de membro da Comisión Executiva do PSOE que encabezaron Felipe González e Alfonso Guerra, permitiulle ser naquela época “testemuña privilexiada dun proceso político exemplar e excepcional na nosa historia”, ao que sempre considerou como “un proceso de homologación de España cos principios e os valores sociais e políticos imperantes nos países democráticos da nosa contorna”.
O exrexedor coruñés enxalzou aos políticos da Transición, porque dixo, “soubemos dar satisfacción e cumprir o mandato para o que fóramos elixidos, que non era outro que o de superar a división das dúas Españas e implantar un réxime democrático que rachara coa cainita historia do noso pasado inmediato”.

Vázquez, ao que presentaron na mesa o presidente da Real Sociedad Económica, Francisco Loimil Garrido, e o seu directivo Luis García Varela, subliñou os tres piares sobre os que se asentou aquel proceso político, “ata entón inédito na nosa historia, e que reflicte unha vontade común de tódolos sectores políticos de lograr dende o diálogo, un entendemento e acordo tan contraposto á división frontista por desgracia existente na España de hoxe”.
“O primeiro deses piares, e para min o máis importante”, asegurou, “foi o da reconciliación nacional, a vontade común de deixar atrás o pasado e que se plasmou na Lei de Amnistía do 15 de outubro de 1977”. “O segundo, o constitúe a vía reformista, a senda política e institucional que permitiu acceder á democracia, rexeitando as opcións extremistas e radicais dun e outro signo, que propugnaban, ou ben o continuismo do Réxime, ou un rupturismo revolucionario de carácter totalitario, hoxe emerxente nos grupos políticos que constitúen a actual maioría parlamentaria”. “E o terceiro piar”, continuou, “foi o consenso, unha obriga moral e histórica para os partidos constitucionalistas e maioritarios, obrigados a manter un diálogo aberto sobre as cuestións de Estado, porque o futuro nunca se pode construír dende a existencia do frontismo de bloques políticos, ideolóxicos ou partidarios”.



