O catedrático emérito da USC destacou na Real Sociedad Económica a amistade que uniu inicialmente ao republicán con Montero Ríos, antes do trunfo deste en política
A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago deu o pistoletazo de saída á programación neste 2026 do seu ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, que organiza en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia da USC e que nesta edición coordina Ana Pérez Varela, profesora titular doutora en Historia da Arte da Universidade compostelá.

Na mesa de debate “Fenollera ante Sánchez Villamarín e Montero Ríos”, José Manuel García Iglesias, catedrático emérito de Historia da Arte da USC e vicepresidente da RSEAPS, lembrou que esta institución atesoura entre os seus fondos pictóricos ata trece retratos do pintor valencián José María Fenollera e Ibáñez, afincado en Compostela, onde finou en 1918. E subliñou que este artista “foi moi recoñecido, entre outras obras, por ser o autor dos grandiosos temas que adornan o Paraninfo da Universidade de Santiago”.
“Co retrato de Eugenio Montero Ríos en 1886”, sinalou, “iníciase a relación entre o pintor e a Real Sociedad Económica de Santiago, o que se traduciu neste encargo, que será o preámbulo dunha relación entre o artista e esta institución durante longo tempo”. “O discreto e ao tempo nobre modo de amosar a tan ilustre xurista”, seguiu García Iglesias, “sutilmente vinculado, neste caso, a Compostela, é un dos rasgos que compre salientar nunha obra que, por outra banda, supón unha máis das moitas que lle evocan nesta cidade”.
No tocante ao retrato de José Sánchez-Villamarín, pintado en torno ao ano 1893, afirmou que “non se trata dunha obra asinada, aínda que si leva unhas abreviaturas que lle atribúen esta pintura, que alude a un personaxe hoxe practicamente descoñecido nesta cidade e ao que compre lembrar e honrar”. E nese senso salientou que “Sánchez Villamarín foi un republicán e masón, cercano a Montero Ríos antes de que este trunfase nos menesteres políticos, malia que despois, o tempo alonxáralles”. “Así pois”, concluiu, “estamos ante o principio e a plenitude dunha historia, feita pintura dende a creatividade e o oficio de Fenollera”.
A presentación de García Iglesias correu a cargo de Juan Manuel Monterroso Montero, catedrático da USC e directivo da RSEAPS, nunha mesa que encabezou o presidente da Real Sociedad compostelá, Francisco Loimil Garrido, quen tamén deu inicio á programación anual de mesas de debate sobre o patrimonio da institución.



