Dos cinco probables escenarios internacionais que debuxa o expresidente da Xunta, só un sería algo favorable para a UE e pasaría necesariamente por acordos con Mercosur, India e China

“EEUU, Rusia e China convertíronse en potencias revisionistas que procuran un cambio radical na orde económica actual e os seus tres líderes, Trump, Putin e Xi Jinping, que aspiran a modificar as fronteiras internacionais (Groenlandia, canle de Panamá, Ucraína ou Taiwán), utilizan a mesma linguaxe e xogan cos mesmos sentimentos: cren que os seus países deberían aumentar a súa riqueza e poder, e que os demais encóntranse en declive, polo que os seus postulados son necesarios para asegurar a nova orde mundial”.
Verbas do expresidente da Xunta Fernando González Laxe, para quen o noso continente carece neste momento “dun liderado forte e de visión de futuro” e as causas desa debilidade de Europa hai que buscalas “na perda de confianza no seu presente e futuro, o que carrexa a súa impotencia e, mesmo, a súa negativa a propor novos modelos a si mesma e ao mundo”.
Segundo o tamén catedrático emérito de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, que protagonizou a segunda conferencia en 2025 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, organizado pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), “Europa debe, pois, envorcarse cara ao exterior e recuperar a influencia, fortaleza e ritmo que os seus propios erros fixéronlle perder”.
Lembra González Laxe que, malia que a UE é a terceira potencia mundial en termos de poboación, está por debaixo ou moi por debaixo de EEUU en canto a PIB, PIB per cápita, productividade media, número de grandes empresas, capitalización bursátil, localización de start-up globalizadas e gasto en I+D+I respecto ao PIB, ademais de que “o custo enerxético na Unión Europea é tres veces superior ao dos Estados Unidos”.
En canto ao destino dos investimentos, “nos EEUU diríxense a sectores tecnolóxicos de alto crecemento, mentres que na UE a estrutura económica mantense estancada, moi centrada en sectores tradicionais como o automóbil ou o téxtil, o que pon de manifesto a súa falta de dinamismo”. E a iso, segundo el, súmanse outros graves problemas como “a fragmentación do mercado de traballo, a carencia dun ecosistema sólido de capital-risco e o exceso de regulación e burocracia”.
Dacordo co expresidente autonómico, fronte ás dúas décadas anteriores nas que a interdependencia económica afogaba as rivalidades e tensións políticas, o “desgoberno da época débese a unha tripla pugna de intereses: pola intensa e descarnada loita/competencia entre potencias; polo novo rol das institucións internacionais, que se convertiron en corpiños, debido á complexidade das normas, regras e procedementos que as anquilosan e impiden consensos; e porque apenas existen espazos de diálogo, dada a fragmentación, polarización e presión dos lobbies e grupos corporativos”.

Cunha Rusia que intenta recuperar a súa antiga grandeza, unha China máis nacionalista e en ascenso, e unha política de Trump que, no canto de apoiar o status quo internacional, aspira a converterse no seu principal disruptor, “Europa é o botín que queren repartirse Trump, Putin e Xi”, dixo parafraseando a Jordi Sevilla (Cinco Días, 20 xaneiro 2025).
“O noso continente”, engadiu, “necesita converterse nun suxeito político común, con liderado e cunha boa folla de ruta, malia que parece camiñar no senso contrario, porque ningún deses aspectos consolídase e as respostas ante as outras grandes potencias, son de moita morneza e cada país negocia pola súa conta”. Ademais, as propostas de Úrsula von der Leyen para conformar un verdadeiro mercado común de capitais, reformar o sector enerxético e axilizar a burocracia para facilitar o emprendemento en sectores innovadores, “coliden coa falta de axuste das 27 lexislacións nacionais diferentes e a inexistencia dun marco de regulación harmonioso”, sentenciou. González Laxe, ao que presentaron Francisco Loimil Garrido, presidente da RSEAPS, e o seu directivo, Luis García Varela, debuxou cinco posibles escenarios internacionais no futuro inmediato, case todos, pouco halagadores para a UE: un novo gran pacto de potencias (EEUU, Rusia e China), con Europa en fóra de xogo; un escenario de guerras comerciais e conflitos pola falta de vontade de EEUU de defender aos seus aliados e o trunfo de partidos populistas simpatizantes de Trump ou Putin en Europa; un mundo anárquico sen líderes, tamén con guerras comerciais, unha ONU debilitada e conflitos polo control de cada rexión; unha globalización sen dominio de EEUU, que sairía da OMC e estancaríase na súa autarquía, mentres a UE asina acordos con Mercosur, China e a India; ou o trunfo da America First de Trump, o que derivaría nunha hexemonía total estadounidense, nunha crise económica en China debido aos aranceis e nun aumento drástico do gasto en defensa na UE e en Xapón para disuadir a China e a Rusia de posibles agresións.



