Author picture

JORGE MIRA: “SUPRIMIR O CAMBIO HORARIO ESTACIONAL SERÍA TAN IRRACIONAL COMO OBRIGAR Á XENTE A ANDAR CON ABRIGO OU CON SANDALIAS TODO O ANO”

Apoiada en estudos científicos, a catedrática de Pediatría da USC María Rosaura Leis defendeu en cambio un horario invernal permanente como “a mellor opción para a saúde pública”

Os catedráticos das Facultades de Física e de Medicina da USC, Jorge Mira Pérez e María Rosaura Leis Trabazo, compartiron mesa de debate na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) para analizar a conveniencia de manter o fuso horario e o cambio de horario estacional actuais no noso país.

Mira defendeu que “existen moitos falsos mitos coa cuestión horaria española, moitos deles debidos, lamentablemente, a deficiencias na comprensión de certas ideas científicas básicas, como que unha escala de medida é unha asignación de números para identificar unha magnitude (neste caso, o tempo) e da igual a escala que se use, sempre e cando a poboación a comprenda”.

Como analoxía, o catedrático de Electromagnética indicou que en Europa úsase para a temperatura a escala Celsius, e nos EEUU, a Fahrenheit, que asigna uns números distintos aos europeos, sen que haxa ningún problema, porque cada un dos territorios comprende cada unha das escalas”.

Mira sentenciou que “non hai ningún problema co fuso horario español”, algo segundo el “evidente ao comparar por exemplo os ritmos circadianos promedio de Italia e Portugal, que son case calcados”. E desmontou con datos de Eurostat algúns “bulos, como por exemplo que en España dúrmese unha hora menos que no resto de Europa”.

Adaptar o reloxio horario mecánico ao reloxio estacional

En canto ao cambio estacional de hora, indicou que “é necesario, dado que na nosa latitude o día solar varía máis de seis horas e media cada seis meses, é un fenómeno que varía estacionalmente, e por iso, un reloxio mecánico que non varía estacionalmente, debe ter unha adaptación”.

Para ilustralo, explicou que “a hora do amencer na nosa latitude varía da orde de tres horas e cuarto cada seis meses, polo que a vida natural na nosa latitude fai que a vida se active de modo distinto no inverno que no verán e, polo tanto, eliminar o cambio estacional de hora forzaría aos seres humáns a seguir un patrón fixo todo o ano, nun lugar no que o día solar varía ao longo do ano”.

Mira presentou tamén algúns dos seus traballos de investigación, nos que acotou cuantitativamente os impactos causados nos días específicos do cambio que, dacordo con el, “distan moito de titulares sensacionalistas”. E rematou a súa exposición defendendo que “a irracionalidade da supresión do cambio estacional de hora, faise patente ao ter que decidir con que hora quedarse (coa de verán ou coa de inverno), xa que sería análogo a obrigar á población a andar con abrigo todo o ano (tamén no verán) ou de sandalias todo o ano (tamén no inverno)”.

Pola súa banda, María Rosaura Leis afirmou que “as principais causas de morbilidade e mortalidade na actualidade asócianse aos estilos de vida non saudables” e citou entre eses cambios ambientais negativos – causantes de moitas patoloxías como algúns cancros ou a obesidade-, “a perda dos patróns alimentarios tradicionais, da dieta atlántica en Galicia (que demostrou ser saudable e sostible), a diminución da actividade física e aumento da inactividade, fundamentalmente ligadas ao uso de pantallas, así como a diminución das horas de sono ou a súa baixa calidade, xunto co estrés”.

“Moitas desas patoloxías”, seguiu a tamén presidenta da Fundación Española de la Nutrición (FEN), “inícianse en idades cada vez máis temperás, como é o caso da obesidade e as súas enfermidades asociadas, polo que debemos previlas xa dende os primeiros 1.000 días de vida, que inclúe a xestación, os dous primeiros anos de vida”. “Mesmo hoxe sabemos que unha adecuada saúde da muller e do home en idade fértil é un dos principais condicionantes da do seu fillo”, engadíu.

O cambio horario pode alterar os nosos reloxios biolóxicos

Leis referiuse tamén aos mecanismos que regulan o noso metabolismo, baseados nos diferentes reloxios: “o reloxio central ou sistémico, encargado dos ritmos circadianos”, pero tamén “reloxios periféricos, que existen practicamente en cada tecido do organismo, e cada célula ten tamén o seu reloxio propio”. Segundo ela, o momento no que se xanta e o tempo de sono “actuarían modificando eses reloxios, con importantes efectos sobre a nosa regulación metabólica e a nosa saúde”.

En canto a os efectos do cambio de horario, a catedrática defende que “a escuridade pola mañá e a luminosidade pola noite retrasan o noso reloxio interno e o desaxustan”, pudindo causar tamén patoloxías asociadas á falta ou mala calidade do sono. Ademais, dixo, “o cambio de hora fai que ese reloxio interno tarde varios días en reaxustarse, o que implica un período de adaptación durante o que moitas persoas manifestan irritabilidade, falta de concentración, baixo rendemento e insomnio”.

“Dacordo coa Sociedad Española de Sueño, a Sociedad Europea de Ritmos Biológicos, a Sociedad Europea de Investigación del Sueño e a Sociedad Europea de Investigación de Ritmos Biológicos, a evidencia científica dispoñible hoxe indica que manter un horario permanente é a mellor opción para a saúde pública e que o horario de inverno mellora o noso sono, será máis saudable para o noso corazón, o noso peso, a nosa saúde mental e asóciase ademais con menor consumo de tabaco e alcol, así como con maior rendemento escolar e laboral”, concluiu.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.