Imagen del autor

JOSÉ GABRIEL BARREIRO RECIBE A QUINTA MEDALLA DE OURO QUE OUTORGA A REAL SOCIEDAD ECONÓMICA COMPOSTELÁ NOS SEUS 242 ANOS DE HISTORIA

O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia e o presidente da RSEAPS entregaron a máxima distinción da institución ao conselleiro de Televés 

O conselleiro de Televés, José Gabriel Barreiro Pérez, recibiu esta mediodía, de mans do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, e do presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), Francisco Loimil Garrido, a quinta medalla de ouro que outorga esa institución nos seus 242 anos de historia.

Nun acto que tivo lugar na sede da Real Sociedad compostelá, o seu presidente lembrou que esta distinción se concede a persoas que “contribuirán de forma extraordinaria ao progreso de Galicia e ao fortalecemento das nosas institucións, precisamente o que representa Barreiro Pérez”.

Loimil suliñou que o homenaxeado caracterizouse sempre por entender a responsabilidade “dunha forma quizais hoxe menos frecuente, pero que foi esencial para construír a Galicia moderna: traballar moito, falar pouco, asumir responsabilidades sen exhibicionismo e entender sempre que os cargos, nos que non só se limitou a estar, non son títulos honoríficos, senón lugares dende os que servir”.

O máximo responsable da RSEAPS realizou un percorrido pola ampla traxectoria profesional, docente e humana de Barreiro, salientando o seu papel crucial en Televés, dende os seus inicios, “nun tempo no que non eran evidentes a internacionalización, a innovación ou a transferencia tecnolóxica, polo que foi necesaria visión, valentía e moitísimo traballo”. E quixo tamén remarcar a cualidade da coherencia de Barreiro e o feito de entender a empresa moito máis aló dunha simple conta de resultados: “A entendeu como unha escola, como un espazo onde formar persoas e onde os mozos podían atopar oportunidades, esixencia, disciplina e confianza”.

Por último, Loimil lembrou a actividade docente que compaxinou coa empresarial, como profesor da Facultad de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC) e o seu enorme compromiso social: actualmente é vicepresidente da Cociña Económica de Santiago e, entre outras cousas, foi membro do Consello Social da USC, membro fundador do Patronato do FEUGA, vicepresidente da Cámara de Comercio compostelá, membro do Consello de Administración de Caixa Galicia e tesoureiro e vicepresidente da Real Sociedad Económica de Santiago, este último, “nunha etapa decisiva para esta institución”.

“Canto represente para Galicia unha mellora”

Pola súa banda, Barreiro mostrouse moi agradecido pola medalla de ouro que recibe, afirmou, “no ben entendido de que se trata de premiar, non á miña persoa, senón ao equipo e demais membros das Xuntas Directivas da RSEAPS” cos que colaborou no período de 1981 a 2005, “aos que lembro con respecto e admiración”.

Nese sentido, dedicou gran parte da súa intervención a rememorar a traxectoria da Real Sociedad dende a súa fundación en 1784: “En palabras do admirado profesor, consocio e compañeiro de Xunta Directiva Antonio Fraguas, foi misión dun grupo de entusiastas, ansiosos de facer unha obra de renovación e creación de canto represente para Galicia unha mellora”. E nese sentido lembrou que “foi froito da tertulia que se forma no Gran Hospital Real de Santiago, na sala do administrador, cargo que exercía Antonio Páramo y Somoza, á sazón, reitor da Universidade e primeiro director da RSEAPS, ata a súa morte en 1786”.

“Tomou como exemplo”, afirmou Barreiro, “as outras sociedades económicas fundadas en España e o seu modelo, concretamente, da Vascongada”. “Cumprimos 242 anos de historia, o que fai que sexa unha das instituciones máis antigas de Galicia”, engadiu o homenaxeado.

Potenciar os sectores produtivos e o ensino da mocidade

Ademais, citou un artigo da profesora Carmen Fernández Casanova no que glosaba “a preocupación da RSEAPS dende o século XIX polo desenvolvemento dos sectores produtivos de Galicia (agropecuario, pesqueiro, industria popular e oficios), así como pola educación da mocidade de tódalas clases, co compromiso de establecemento e atención de escolas patrióticas (debuxo, primeiras letras, fiatura, de adultos, educación física-ximnasio, francés, música, modelado, artes e oficios, comercio e vidrieiría artística), que constitúen a esencia dun programa que determinará a xestión da Asociación compostelá”.

Así mesmo, salientou algúns dos fitos da Real Sociedad en prol do pulo de ideas de desenvolvemento e creación de empresas: “A proposta en 1859 para a construción da primeira vía férrea de Galicia, de Santiago ao porto de Carril, inaugurada en 1873; a creación da Caixa de Aforros Monte de Piedade de Santiago, fusionada nos últimos anos coa de Galicia; e a creación da Escola de Artes e Oficios de Santiago”.

Sobrevivir á crise do Conservatorio

Barreiro referiuse á súa chegada á RSEAPS en 1981, da man do seu director Ricardo Bescansa Martínez, cuxa etapa calificou como “fructífera, malia que como sempre na historia recente desta Sociedade houbo que afrontar crises e reinventarse”. Tras o pasamento de Bescansa, lembrou tamén, asumiu a dirección Clemente González Peón e Barreiro, a vicedirección, nunha etapa que terá carácter “continuista”.

E relatou como a ambos directivos tocoulles afrontar e resolver o problema da inevitable desafectación do Conservatorio de Música da RSEAPS -debido á caída de matrícula pola creación do novo Conservatorio da Xunta, a Escola Municipal do Municipio e a autonomía dos conservatorios locais-, “planificando e xestionando unha saída pacífica da crise, que evitase a quebra da Sociedade” e chegando a un acordo co persoal docente que se constituiu en cooperativa.

Por último, Barreiro aludiu ao cambio que se produciu na Asamblea da Real Sociedad compostelá de 2006, na que asumiu a presidencia Juan Bautista de la Salle Barreiro Pérez, co actual presidente, Francisco Loimil Garrido, como vicepresidente. “Transcorreron dúas décadas e podemos asegurar o acerto e oportunidade do cambio: A RSEAPS potenciou a súa presenza e a través das súas novas actividades e convenios con outras institucións, deuse a coñecer o seu rico pasado histórico e o seu presente, polo que facemos votos polo seu futuro, xa que é responsabilidade de todos manter e proxectar este legado, para as actuais e novas xeracións”, concluiu.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.