Author picture

JOSÉ LUIS BARREIRO RIVAS: “SANTIAGO NON TEN RECUPERADO A SÚA FUNCIÓN ESENCIAL COMO REFERENCIA VERTEBRADORA DE GALICIA”

 

O profesor, politólogo, filósofo e ex vicepresidente da Xunta José Luis Barreiro Rivas iniciou o ciclo de debate da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) “Compostela 2023-2027. Presente e Futuro”, cunha conferencia sobre a universalidade de Santiago.

Na súa disertación, lembrou que a cidade foi fundada no primeiro terzo do século VIII, “coa dobre condición de centro relixioso e señorío vertebrador de Galicia, pero foi desprazada a finais do século XVI polas áreas económicas de A Coruña-Betanzos (mais tarde, A Coruña-Ferrol) e Pontevedra-Vigo, que pasaron a ser as referencias dunha España centralizada e gobernada desde Madrid”.

Por iso, explicou Barreiro, “malia que seguía sendo o centro xeográfico do territorio, Galicia xa non funcionou como unha verdadeira unidade, agás algúns movementos efímeros comprendidos entre 1830 e 1931, ata que, ao amparo da Constitución de 1978, creouse a Comunidade Autónoma de Galicia, con referencia capitalina en Santiago”. “Para entón”, engadiu, “Galicia xa era un territorio fondamente invertebrado, trufado de particularismos e localismos, o que dispersou os esfuerzos polo progreso, mermou o crecemento e a xerarquización urbana, xerando unha grave disfuncionalidade dos seus servizos e estruturas, que aínda perdura”.

Ademais, afirmou que, se ben Compostela “recuperou no ano 1982 a capitalidade formal, nunca logrou dotarse dun poder decisorio claramente vertebrador, ata o punto de consolidar a Administración galega actual como un repartidor cualificado de prebendas e servizos, que non foi capaz de vertebrar o país, nin de racionalizar os recursos e investimentos do crecemento e a modernización”.

Máis aínda, Barreiro cre que a cidade de Santiago, “acometida por un estrano complexo de ter sido favorecida pola capitalidade, deixou de competir polas súas propias vantaxes comparativas, coma se confiase todo o seu futuro e as súas oportunidades á resultante da competencia entre as actuais cidades de A Coruña e Vigo”. “E aínda que iso está parecéndose moito á verdade nalgunhas dotacións de relevancia”, continuou, “e nunha inercia que semella crecente, non ten recuperado a súa función esencial como referencia vertebradora dun país disperso, particularista e, no peor dos sentidos, bicéfalo ou tricéfalo”.

Nembargantes, Barreiro cre “que Santiago ten as condicións e a inercia social, política e económica, como para rendirlle ese servizo a Galicia” e que, por iso, “finalmente acabará reforzando unha nova visión do país”. Aínda que tamén conclúe que, “canto máis tardemos en traballar en prol da racionalidade e a vertebración, máis difícil será superar a distancia que existe entre a Galicia real e a Galicia posible”.

O ciclo de debate da RSEAPS continuará no próximo mes de marzo cunha conferencia de Ubaldo Rueda Soto, profesor, ex director do Instituto Rosalía de Castro e presidente da Asociación Cultural Café Casino de Santiago, que falará sobre o asociacionismo en Compostela.

Todas as charlas programadas no ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e Futuro” terán lugar na sede da RSEAPS, na praza Salvador Parga, e son abertas ao público.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn