O maxistrado do TS afirmou na RSEAPS que “esta sociedade cambiante esixe aos operadores xurídicos un continuo esforzo de adaptación, o que xera novos conflitos en non poucas ocasións”
O maxistrado do Tribunal Supremo José Luis Seoane Spiegelberg afirmou na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) que “o Dereito é un produto continxente, un constructo histórico, que esixe a os operadores xurídicos un continuo esforzo de adaptación, pois nada do humáno é indiferente ao Dereito, concibido como esperanza dunha vida mellor e máis xusta”.
Nunha mesa de debate sobre os cambios sociais, Dereito Privado e os dereitos das persoas no século XXI, Spiegelberg -tras citar ao filósofo brasileiro Miguel Reale-, asegurou que “nesta sociedade cambiante o Dereito muda frecuentemente, o que xera en non poucas ocasións novos conflitos ou distintas maneiras de contemplalos”. E cualificou como afortunada a expresión de Piero Calamandrei (xurista e membro da Asemblea Constituínte italiana), cando afirmou que “as leis non deixan de ser unha fráxil rede a través de cuxas maias presiona, e as veces reborda, a realidade social”.

Na súa intervención, o maxistrado do Supremo realizou un exame de como evolucionou nos últimos tempos o Dereito máis próximo ás persoas, o Dereito Civil, “que regula a nosa vida dende o nacemento ata a morte, mesmo despois dela, a través da herdanza”.
Así, abordou a problemática da contratación en masa, coa xeralización das condicións xerais de contratación a través das cales se comercializa a prestación dos servizos elementais (auga, gas, electricidade, telefonía, seguros, contratos bancarios), que segundo el “fan quebrar o principio da libre autonomía da vontade na configuración do contido das relacións contractuais, cuxas cláusulas nos veñen impostas polas grandes empresas”.
Tamén se refiriu á protección dos consumidores e usuarios, “cuxas asociacións promocionan accións supraindividuais” e o impacto ao respecto da integración de España na UE, así como “a incorporación da Directiva comunitaria 90/13, que salvagarda os dereitos dos consumidores considerados como un principio de orde pública”, o que ao seu xuízo “abre un novo reto á Administración de Xustiza, rebordada polas reclamacións de tal natureza”.
Spiegelberg lembrou que o ingreso de España na UE supuxo “a asunción en bloque de toda a normativa comunitaria baixo a vixencia do principio de primacía, de maneira tal que, no caso de colisión co Dereito interno, prevalecerá aquel sobre este”. E nese senso asegurou que os xuíces españois convertéronse “en xuíces comunitarios, abríndose un diálogo co Tribunal de Xustiza da UE mediante o plantexamento de cuestións prexudiciais de obrigado acatamento”.
Outro dos grandes cambios, segundo o maxistrado produciuse pola nova configuración da familia -con parellas de feito, familias reconstituídas, prolongadas no tempo, matrimonios entre persoas do mesmo sexo, monoparentais, etc.-, os seus efectos xurídicos, a aplicación das técnicas de reproducción asistida (“con especial atención dos ventres de aluguer”), e o transexualismo e o seu regulamento xurídico.
E xunto a iso, dixo, “o fondo cambio experimentado no tratamento da discapacidade, baixo os principios de autonomía, respecto á vontade, desexos e preferencias desas persoas, a supresión das declaracións de incapacidade -xeradoras dunha auténtica morte civil-, coa súa substitución polas medidas de apoio, preferentemente voluntarias sobre as xudiciais”.
Citou tamén como retos para o Dereito, os derivados do envellecemento da poboación e a correlativa fenda dixital, o consentimento informado nos tratamentos médicos -“manifestación dos dereitos de terceira xeración nos que predominan o principio de autonomía e a vontade dos doentes”-, e os novos escearios abertos pola irrupción da robótica e a IA, e polo uso masivo das novas tecnoloxías da comunicación e o papel das redes sociais, como internet. “Os usuarios deixan de ser meros consumidores para convertirse en axentes de información que achegan ao sistema as súas fotografías, as súas informacións, as súas opinións; ademais, nun proceso de activa interacción, o que plantexa a problemática da súa conciliación co respecto aos dereitos fundamentais á honra, intimidade e propia imaxe”, concluiu.
Spiegelberg foi presentado polo catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Roberto Blanco Valdés, nunha mesa de debate que conduciu o presidente da Real Sociedad Económica compostelá, Francisco Loimil Garrido.



