Author picture

JOSÉ MANUEL GARCÍA IGLESIAS: “O DOUTOR TEIJEIRO, A SÚA DONA E O ESCULTOR JUAN SANMARTÍN, UN NOVO MODO DE VER E FACER”

O catedrático da USC subliñou na Real Sociedad Económica o papel de relevo dos tres personaxes na Compostela de finais do século XIX e principios do XX

O catedrático emérito de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias glosou esta tarde na RSEAPS a figura do doutor Maximino Teijeiro, a súa dona María Reales, e o escultor Juan Sanmartín, que considera moi relevantes no Santiago de entre finais do século XIX e principios do XX. O fixo a partir dos retratos do matrimonio, dous baixorrelevos en xeso, obra de Sanmartín, que forman parte do patrimonio da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago.

Na mesa de debate, incluída precisamente no ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, organizado por esa institución en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Iglesias sinalou que Sanmartín asinou esas obras en 1869, precisamente o ano no que Maximino Teijeiro iniciou a súa andaina como presidente da Real Sociedad.

Por aquel entón, lembrou, San Martín xa era un escultor consagrado, que “fora autor do Paso da Santa Cea, tan relevante na Semana Santa compostelá”. A el atribúenselle tamén “outras esculturas nas que o retrato é o tema abordado: Miguel de Cervantes, Méndez Núñez, Montero Ríos, Romero Ortiz…”.

En canto á figura do doutor Teijeiro, Iglesias -tamén vicepresidente da Real Sociedad Económica compostelá-, afirmou que “valorar o seu retrato conduce a poñer en valor a súa biografía, tanto no que ten que ver coa súa carreira docente, sendo catedrático na Facultade de Medicina, reitor da Universidade e senador nomeado por esa mesma institución”.

“Maximino Teijeiro é ademais”, engadiu, “unha persoa moi achegada a Eugenio Montero Ríos e a súa presidencia da RSEAPS (1869-1871) leva a poñer tamén en valor o que por eses tempos supón esa entidade na vida compostelá, na que sobresae o papel do citado Montero Ríos, no último terzo do século XIX e a primeira década da seguinte centuria”. “O seu papel no mundo da masonería galaica é unha cuestión abordada pola incidencia que iso supón en obras tales como o Paraninfo da Universidade compostelá”.

Por último, o catedrático de Historia da Arte referiuse a María Reales, muller casada en segundas nupcias co doutor Teijeiro: “A presenza dos tres fillos que achega dun matrimonio anterior, particularmente tanto Augusto, que foi secretario xeral da Universidade; como Victoria, a máis pequena, que é quen en 1943, mediante o seu testamento, outorga os baixorrelevos de Sanmartín á Real Sociedad Económica, ao igual que un retrato máis (da propia María Reales), pintado por Dionisio Fierros, que ata a data figuraba como retrato dunha persoa anónima neste mesmo rico fondo artístico da Real Sociedad Económica”.

García Iglesias foi presentado por María García-Alén García, xestora cultural en Insólito Diseño + Producto, nunha mesa que encabezou o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido, e que tamén estivo aberta ás preguntas dos asistentes ao remate das intervencións.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.