Segundo o catedrático de Historia da Arte da USC, “o monarca chegou á coroa española co ánimo de reformar e modernizar un estado anclado en prácticas dos séculos XVII e XVIII”
“Carlos III chegou á coroa española, con anos de experiencia como monarca de Nápoles e Sicilia, co ánimo de reformar e modernizar un Estado todavía anclado en prácticas propias de finais do século XVII e principios do XVIII”. Esa foi unha das aseveracións de Juan Manuel Monterroso Montero, catedrático de Historia da Arte da USC e directivo da RSEAPS, que disertou esta tarde na sede desa institución sobre a figura dese rei, a partir dun dos dous retratos do monarca que atesoura no seu patrimonio a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago.
Trátase dun cadro anónimo español do século XVIII, incluído na “ampla galería de personaxes ilustres” xa que, dacordo con Monterroso Montero, “a práctica retratística, común ao longo do século XIX e do século XX, abranguía non só a aquelas figuras máis sobranceiras da Real Sociedad Económica compostelá, senón tamén a outros personaxes que, nun momento ou noutro, dunha forma máis ou menos directa, tiveron unha vinculación con esa institución santiaguesa”.
Dentro desa colección da RSEAPS, “a obra encádrase na galería de reis”, afirmou, “na que tamén aparecen retratos doutros monarcas como Carlos II, Fernando VI, Alfonso XII ou Alfonso XIII, e este cadro ocupa unha posición privilexiada, ao tratarse do monarca baixo cuxo reinado créase a Real Sociedad de Santiago de Compostela”.
“Esa circunstancia”, engadiu, “permítenos analizar brevemente o papel que as reais sociedades xogaron dentro da política ilustrada e reformista do reinado de Carlos III e permitiranos tamén aproximarnos á interpretación iconográfica presente nese lenzo que, máis aló dun cadro de estatus, serve de resumen dos ideais políticos do rei”.
E para Monterroso Montero, dentro desa política reformista, “Carlos III era o rei que necesitaban as reais sociedades económicas e, ao mesmo tempo, as reais sociedades foron unha ferramenta fundamental na política interior do monarca”.
A conferencia “Carlos III, un rei para a Real Sociedad de Amigos del País” inaugurou neste 2025 o ciclo “A RSEAPS e os seus fondos artísticos”, organizado por esa institución en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Monterroso Montero foi presentado pola profesora titular de Historia da Arte da USC Marta Cendón, nunha mesa que conduciu o presidente da Real Sociedad Económica compostelá, Francisco Loimil Garrido.