Juan Monterroso, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, pronunciou unha conferencia na sede da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, sobre o óleo “Parnaso”, que forma parte do patrimonio artístico desta institución compostelá.
A obra, de autor descoñecido e datación aproximada, plantexa ademais diso moitas incógnitas xa que, segundo Monterroso, “pasou desapercibida no conxunto da colección da RSEAPS, debido ao seu pequeno tamaño e ao anómalo da súa presencia dentro dos seus fondos artísticos”.
Monterroso fixo unha análise do cadro, precisando que se trata dunha pintura de mediados do século XVII, da escola flamenca, que podería vincularse con obras semellantes realizadas por Van Balen ou Hendrick. “A súa temática”, engadíu, “é pouco frecuente dentro das coleccións de pintura e pinacotecas españolas”.
Nunha aproximación iconográfica e cultural ao tema que representa o óleo, o catedrático de Historia da Arte sinalou que, “tratándose do Parnaso, como o seu título indica, podería precisarse como o momento no que Minerva visita ás musas ao pé de Helicón”. E salientou tamén que se trata “dun magnífico exemplo de traslación do relato das Metamorfosis á pintura”.
O ciclo de conferencias “A Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago e os seus Fondos Artísticos”, realizado en colaboración co grupo de investigación “Iacobus” da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, continuará en outubro coa intervención de Ana Pérez Varela, profesora axudante doutora da USC, acerca do reloxio da sala de xuntas da RSEAPS. En novembro seguiralle Mirian Elena Cortés, profesora axudante doutora da USC, que disertará sobre a escultura “Violinista”. E pechará o ciclo, en dicembro, José Manuel García Iglesias, catedrático emérito de Historia da Arte da USC, cunha conferencia sobre o cadro “Retrato do escultor Sanmartín”.