Author picture

A REAL SOCIEDAD ECONÓMICA ABORDARÁ EN 2024 UN AMBICIOSO CICLO DE DEBATE SOBRE O FUTURO DA CIDADE

Os principais asuntos que preocupan aos composteláns e os retos de futuro da capital galega, serán os eixos centrais do ciclo de debate da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, na programación que a nosa institución desenvolverá ao longo do próximo ano 2024.

As mesas de discusión, que pretenden promover a reflexión sobre a problemática, pero ao mesmo tempo, sobre as oportunidades para a nosa cidade, arrancarán o próximo 24 de xaneiro, cunha disertación do catedrático de Dereito Constitucional da USC Roberto Blanco Valdés sobre un tema de máxima actualidade: “De Santiago a Madrid, pasando por Galicia: A ordenación territorial en España”.

Roberto Blanco Valdés

Un mes máis tarde, o 28 de febreiro, será a quenda do director executivo da Fundación Pública de Medicina Xenómica e catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo Álvarez, que afondará sobre como será a sanidade e a saúde pública a medio e longo prazo, no debate titulado “Anticipando a medicina do futuro”.

Ángel Carracedo

Para o 20 de marzo está prevista a mesa “Máis intervencionismo municipal ou máis sociedade civil”, acerca do papel que deben desempeñar as institucións públicas locais e a cidadanía, que encabezará Miguel Anxo Bastos Boubeta, profesor titular de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela.

Miguel Anxo Bastos Boubeta

O 24 de abril, o catedrático de Enxeñería Química da USC e reitor da Universidade compostelá entre os anos 2010 e 2014 Juan Casares Long, falará sobre “Personaxes ilustres na RSEAPS e en Santiago”.

Juan Casares Long

Os protagonistas o 28 de maio serán Darío Villanueva, catedrático de Teoría da Literatura e de Literatura Comparada da USC, director da Real Academia de la Lengua (2014-2018) e reitor da USC (1994-2002) -Premio Princesa de Asturias das Letras en 2015-; Antonio López Díaz, actual reitor e catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC; e Juan Viaño reitor da USC (2014-2018) e catedrático de Matemática Aplicada da Universidade compostelá; que intervirán no debate titulado “A USC, presente e futuro”.

Darío Villanueva
Antonio López Díaz

O recentemente elixido arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto Fernández, ofrecerá o 20 de xuño unha visión sobre a situación da comunidade eclesiástica na cidade, na mesa titulada “A Igrexa, na Compostela de hoxe”. Prieto Fernández é tamén licenciado en Teoloxía Patrística pola Universidad Gregoriana de Roma e doutor en Teoloxía Bíblica pola Universidad Pontificia de Salamanca.

Francisco José Prieto Fernández

A economía local e os oficios tradicionais tamén terán o seu espazo no ciclo de debate da RSEAPS, coa mesa “Pasado, presente e futuro do sector da artesanía en Santiago de Compostela”. Terá lugar o 26 de setembro, protagonizada por Enrique Fink, presidente de Ourives de Compostela; Elena Fabeiro Castro, presidenta de Artesanía de Galicia; e Mónica Cao Pereira, propietaria de MOCAO Artesanía e membro da asociación Creativas Galegas.

E pecharán o ciclo, o 23 de outubro, Belén Hernández Lafuente, xerente do Consorcio de Santiago, coa mesa titulada “Legado patrimonial de Santiago: reflexións de futuro”; e o 27 de novembro, José Antonio Redondo López, catedrático de Economía Financeira da USC, e Miguel Vázquez Taín, presidente do Consello Galego de Economistas, co debate “O papel de Santiago na UE”.

A directiva da RSEAPS e o seu presidente, Francisco Loimil, lembran “o espírito de absoluta pluralidade que preside tódalas iniciativas da Real Sociedad”, animando a asistir e participar nos debates a tódolos cidadáns de Santiago que o dexesen, “porque os asuntos que van tratar son de vital importancia para o futuro da nosa cidade”. Tódalas mesas do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro” programadas para 2024 terán lugar na sede da RSEAPS, e son de balde e abertas ao público ata completar aforo.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn