Releva no cargo a Francisco Loimil Garrido, presidente desa institución dende 2018 e que continuará na súa Xunta Directiva como vogal colaborador

O doutor en Historia da Arte e membro do equipo de investigación do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) e do grupo de investigación Iacobus da USC, Leopoldo Fernández Gasalla, será o presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) no próximo cuatrienio (2026-2030). A súa designación, acordada por unanimidade, produciuse tra-la votación que tivo lugar hoxe na Asamblea Xeral Extraordinaria de socios desa institución, encabezada dende o ano 2018 por Francisco Loimil Garrido, que a partir de agora continuará nese órgano reitor da Real Sociedad como vogal colaborador.
Fernández Gasalla avanzou que, “seguindo os principios fundacionais da RSEAPS, o obxectivo esencial deste cuatrienio será perseverar na contribución de Santiago ao progreso da sociedade galega e compostelá, brindando as actividades da Real Sociedad para establecer foros de reflexión, debate e intercambio de pareceres, nun ambiente sereo e respectuoso”.
Nese senso, o novo presidente plantexa dúas liñas básicas: “Aquelas destinadas a tratar temas de actualidade de interese socio-económico, e as centradas no patrimonio histórico-cultural da Real Sociedad”. “Para ilo”, adiantou, “a institución continuará cos ciclos de conferencias e de mesas de debate Compostela. Presente e futuro e A RSEAPS e os seus fondos artísticos, accesibles na rede, dando pulo á catalogación dos fondos artísticos e a súa exposición virtual, tamén a través da rede”.
Fernández Gasalla tamén se refiriu ao Premio Domingo Fontán de investigación histórica, galardón bianual que seguirán convocando e expresou a súa vontade de acoller na Real Sociedad, tanto a todos aqueles que desexen participar nas súas actividades e presentacións de libros, como aos que asistan a visitas guiadas, “con especial énfase nas dedicadas aos estudantes”.
Ademais, o novo presidente quere retomar os ciclos de concertos na sede da Real Sociedad e culminar as reformas de tódalas súas estancias -adaptándoas ás persoas con problemas de mobilidade-, co obxectivo de “lograr o acceso de todo tipo de público”. E xunto a iso -como un dos proxectos máis novidosos-, pretende crear unha Tribuna Xove, que brinde o noso espazo aos membros de menor idade da nosa sociedade, permitíndolles expresar as súas ideas e preocupacións.
Francisco Loimil: Modernización e fortalecemento da RSEAPS

O presidente saínte, Francisco Loimil, socio da RSEAPS dende o ano 2003 e membro da súa Xunta Directiva dende 2006 baixo presidencia de Juan Bautista de la Salle Barreiro Pérez, contribuiu activamente nesa etapa na organización da gran exposición “O efecto das luces. Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago” (aberta dende finais de 2006 a principios de 2007), a creación en 2006 da páxina web da RSEAPS, as reunións para procurar apoio institucional para a Real Sociedad, así como a sinatura de convenios de colaboración coa Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Deputación da Coruña, USC, Consorcio de Santiago, Consello da Cultura Galega, Museo do Pobo Galego, Fundación Pedro Barríe de la Maza ou Caixa Galicia (actual Abanca), entre outras entidades.
Nese mesmo período iniciaron a colaboración coas demais Reales Sociedades de España (reunións de traballo, encontros, celebración de Congresos, ciclos de conferencias…); en colaboración coa USC e o Consorcio de Santiago, crearon o Premio Domingo Fontán, cuxa primeira edición foi a de 2008-2009; realizaron o inventariado do arquivo documental e o patrimonio artístico, coa publicación de dous libros patrocinados pola Xunta de Galicia (Catálogo Pictórico e Inventario del Archivo); potenciaron a actividade cultural de Santiago coa organización de conferencias, mesas de debate, ceas-coloquio, presentacións de libros, visitas guiadas á RSEAPS e a outras institucións, homenaxes a personalidades, concertos de música, exposicións…
Dixitalización do arquivo e creación da Fundación do Panteón de Galegos Ilustres

A Real Sociedad asinou ademais un convenio de colaboración coa Fundación Pedro Barrié de la Maza e o conde de Fenosa, que serviu para acometer a dixitalización do arquivo da RSEAPS no ano 2010 e crear unha páxina web para a súa difusión. En 2011, a institución nomeou socio de honra ao ex presidente da Xunta de Galicia Gerardo Fernández Albor, en 2013 desenvolveu e actualizou o Plan Estratéxico de Santiago, en 2016 o arquivo documental da Real Sociedad foi depositado na Cidade da Cultura de Galicia, e en 2017 a RSEAPS asinou coa USC o contrato para el depósito en réxime de comodato de parte do seu patrimonio artístico na Facultade de Xeografía e Historia (contrato que rematou en 2022).
Loimil Garrido foi designado presidente da Real Sociedad compostelá en 2018, ano no que se creou a nova identidade que agrupa a tódalas Reales Sociedades Económicas de Amigos del País de España. O novo presidente acudiu en representación da RSEAPS -xunto a outros representantes das SSEE de España- a un encontro co rei Felipe VI, que tivo lugar no Pazo da Zarzuela, en Madrid. En 2021 realizou a invocación ao Apóstolo no nome da RSEAPS, con gallo da celebración do Ano Santo, nunha misa na Catedral de Santiago. A RSEAPS participa nesa etapa, tamén, na creación da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres (Lei 5/2023, de 4 de agosto). E en 2023, a Real Sociedad crea unha unidade didáctica para a súa aplicación nos centros escolares, mediante a organización de actividades e visitas explicativas á sede da Real Sociedad para alumnos.



