Author picture

LUIS OTERO: “A USC XA É UNHA DAS CATRO PRINCIPAIS UNIVERSIDADES DE ESPAÑA EN CREACIÓN DE EMPRESAS SPIN-OFF DE BASE CIENTÍFICA E TECNOLÓXICA”

O catedrático da USC cré que “xa existe unha capacidade demostrada para transformar o coñecemento en empresas, con impacto real canto a emprego cualificado e actividade económica”

O catedrático de Economía Financeira e Contabilidade da USC Luis Otero González asegura que a Universidade de Santiago “está consolidando o seu papel como un dos axentes de referencia na creación de empresas spin-off de base científica e tecnolóxica”.

Na segunda das mesas de debate do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, programadas para 2026 pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, Otero afirmou que a USC sitúase xa “entre as catro principais universidades españolas” na creación dese tipo de empresas: “A institución presenta un balanzo positivo do seu modelo de transferencia, apoiado en resultados tanxibles, unha estrutura de apoio madura e unha estratexia orientada a xerar valor económico e social no territorio”.

O catedrático subliñou que na Universidade compostelá “xa existe unha capacidade demostrada para transformar coñecemento en empresas, cun impacto real canto a emprego cualificado e actividade económica”. Nese senso indicou que “ese avance susténtase nunha base de transferencia estruturada e na mellora dos procesos de apoio aos proxectos empresariais xurdidos da investigación universitaria”.

Entre os factores que contribuíron a chegar a esta posición, Otero salienta “a profesionalización do seu proceso investidor, como un paso clave para mellorar a selección e acompañamento de iniciativas con maior potencial”. E ao mesmo tempo, identifica con claridade o principal reto do ecosistema: “Non só crear novas spin-off, senón facilitar o seu crecemento e consolidación en fases de escalado”.

Liderado da USC e novo pulo para o escalado

“Para afrontar ese desafío”, dixo, “a Universidade considera prioritario reforzar os instrumentos de financiamento en etapas temperás e en fases de scale-up, co fin de evitar que proxectos con alto potencial perdan tracción no seu desenvolvemento”. Asimesmo, Otero incide en que “a política de spin-off debe integrarse nunha estratexia territorial máis ampla, conectada cos obxectivos de innovación, competitividade e creación de emprego de calidade en Galicia”.

Con esta visión, o catedrático cré que a Universidade de Santiago “está reafirmando o seu compromiso cun modelo de universidade que, ademais de formar e xerar coñecemento, impulsa novas empresas capaces de transferir ciencia ao mercado e contribuír ao progreso económico e social”. Nesta mesa de debate, Luis Otero foi presentado polo presidente da Real Sociedad Económica de Santiago, Francisco Loimil Garrido.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.