Como exemplo desa cooperación citou a realización na área sanitaria de Santiago e Barbanza de parte dos ensaios clínicos do primeiro fármaco contra o COVID desenvolvido íntegramente en España

A directora do Centro Singular de Investigación en Mediciña Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela (CiMUS), Mabel Loza García, defendeu na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) “o valor das estruturas estables de colaboración entre investigación, sistema sanitario e industria, para acelerar a resposta ante os grandes retos de saúde”, o que segundo ela, resulta especialmente importante nos momentos nos que hai que enfrontar situacións de emerxencia sanitaria, “como demostrou a pandemia do COVID-19”.
“Naquel contexto”, afirmou Loza García, “a integración da unidade mixta USC/Esteve na plataforma Innopharma do CiMUS, permitiu iniciar rapidamente a procura e desenvolvemento dun candidato terapéutico fronte á infección viral”. E lembrou que, no ano 2022, o E-52862 converteuse no primeiro fármaco desenvolvido integramente en España para o tratamento do COVID-19 que logrou avanzar ata a fase de ensaios clínicos en doentes.
“A colaboración consolidada entre a Universidade e a industria farmacéutica, xunto coa conexión cos hospitais, facilitou este avance e que parte dos ensaios pudieran levarse a cabo na área sanitaria de Santiago e Barbanza, no marco do proxecto Rescata-COVID, financiado para o seu desenvolvemento na nosa comunidade autónoma pola Axencia Galega de Innovación (GAIN)”, engadiu a investigadora.
Loza García subliñou que o CiMUS ocupa unha posición estratéxica para impulsar a investigación traslacional en saúde, “gracias á súa estreita conexión co IDIS e o Complexo Hospitalario-Universitario de Santiago (CHUS), cos que comparte investigadores principais e dos que se encontra a apenas cinco minutos de distancia”. “Nos seus 14 anos de actividade, o centro logrou captar máis de 120 millóns de euros, publicou máis de 2.200 artigos científicos, xerou 148 patentes e contribuíu á creación de 14 spin-offs”.

E lembrou que a investigación do CiMUS estrutúrase en dous programas interrelacionados: O Programa de Mecanismos Moleculares, que estuda as bases moleculares das enfermidades crónicas; e o Programa Integrativo Traslacional, que orienta o coñecemento xerado cara á súa aplicación clínica, co obxectivo de avanzar cara unha mediciña de precisión. “Para desenvolver esta actividade, o CiMUS dispón de infraestruturas e plataformas tecnolóxicas, que ofrecen servizos avanzados e dan soporte a múltiples centros e grupos de investigación, Universidades e empresas de diversas disciplinas”, explicou Loza García. “Entre elas”, abundou, “destacan os servizos de citometría de fluxo, microscopía de alta resolución e as plataformas de altas capacidades, que permiten abordar estudos complexos e apoiar o desenvolvemento de investigación de avangarda”.
A mesa de debate protagonizada por Mabel Loza García, baixo o título “O CiMUS: O camiño máis rápido dende a investigación aos doentes”, forma parte da programación de 2026 do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, que organiza a Real Sociedad Económica compostelá. O encargado de presentar á ponente foi o ex reitor da USC e socio da RSEAPS Juan Casares Long, nunha mesa que encabezou o presidente desa institución, Leopoldo Fernández Gasalla.



