Author picture

MARTA CENDÓN: “MANUEL LAGO GONZÁLEZ FOI UN HOME DE IGREXA, UN INSIGNE LITERATO E UN GRAN BIBLIÓFILO, ADMIRADO E QUERIDO POR TODOS”

A profesora titular de Historia da Arte da USC Marta Cendón Fernández pronunciou esta tarde a conferencia “Manuel Lago González, o arcebispo querido por todos”, na sede da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago.

A partir do retrato do relixioso que forma parte da pinacoteca da RSEAPS, Cendón resaltou a importancia da súa figura, destacando que “foi un home de igrexa, un insigne literato e un bibliófilo sobresaínte, como mostra a colección que constitúe a Biblioteca Lago da Universidade de Santiago de Compostela, polo que foi querido e admirado por todos”.

A profesora de Historia da Arte analizou o retrato do clérigo que forma parte do patrimonio da RSEAPS, achegándose á súa persoa dende o seu nacemento en Tui (Pontevedra) – “cidade á que eu mesmo estou moi vinculada, xa que son tudense”-, ao seu cursus honorum, “que o levou ás sedes episcopais de Osma, Tui, culminando a súa carreira eclesiástica como arcebispo de Santiago de Compostela”.

Cendón lembrou ademais que, nas galerías de bispos das sedes tudense e compostelá, consérvanse senllos retratos de Manuel Lago, obras que comparou co cadro que forma parte da colección da RSEAPS, asinado por Mariano Tito Vázquez, que exerceu como profesor de pintura na Real Sociedad Económica de Amigos del País compostelá entre 1919 e 1938. “O seu discípulo Roberto González del Blanco”, sinalou, “foi quen pintou o retrato de Lago González que se encontra no Arcebispado de Santiago”.

A conferencia de Marta Cendón forma parte do programa de 2024 do ciclo “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado por esa institución en colaboración co Grupo de Investigación IACOBUS, da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade compostelá. A profesora de Historia da Arte foi introducida polo catedrático emérito da UDC Ramón Yzquierdo Perrín, nunha mesa que encabezou o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn
Resumen de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.