Author picture

MIGUEL PAZOS OTÓN: “É NECESARIO REPENSAR GLOBALMENTE A MOBILIDADE EN SANTIAGO PARA INCREMENTAR A ACCESIBILIDADE EN TRANSPORTE PÚBLICO E DAR MAIOR PROTAGONISMO AO PEÓN”

O arquitecto e director da Fundación RIA (impulsada por David Chipperfield), Manuel Rodríguez López, e o profesor da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Miguel Pazos Otón, disertaron sobre mobilidade e modelo de cidade en Santiago, nunha mesa de debate incluída no ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro”, que desenvolve a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS), desde o pasado mes de febreiro, na súa sede da praza Salvador de Parga.

Pazos Otón afirmou que, se ben Compostela “foi pioneira no seu momento na humanización e restrición do automóbil privado no interior do antigo recinto amurallado da Améndoa, a día de hoxe é preciso levar ese proceso máis aló, para acadar unha auténtica sustentabilidade”. Para o profesor de Xeografía, ese proceso pasa necesariamente por “repensar a mobilidade e tratar de acadar un incremento da accesibilidade en transporte público e colectivo”.

                                                                                                         

Salientou tamén que, malia que Santiago se caracterice por ser unha cidade compacta no seu centro urbano, “medrou nas últimas décadas conforme a patróns de baixa densidade nas súas periferias”, producíndose unha “sobrecarga dos espazos residenciais ao sur da área urbana, que define un modelo caracterizado pola chegada diaria de milleiros de automóbiles aos principais puntos de atracción de desprazamentos”. Por todo iso, así como pola “perentoria alarma enerxética e climática”, Pazos recomenda unha revisión da mobilidade en Santiago desde o punto de vista da súa área urbana, “dando máis protagonismo ao peón e mellorando aínda máis o transporte colectivo”, ao tempo que se produza unha recuperación do espazo público.

Pola súa banda, Rodríguez López lembrou que “a Fundación RIA desenvolve desde 2017 propostas estratéxicas e proxectos piloto que buscan a protección dos valores patrimoniais e ambientais, así como un desenvolvemento sostible do territorio galego”. Froito da experiencia desa institución filantrópica nos últimos seis anos no Barbanza, dixo, “puido desenvolver unha metodoloxía de análise, participación e proposta, aplicable a diferentes ámbitos, e que identifica a transformación da mobilidade como un dos factores de maior impacto para a transformación da cidade”.

Sinalou ademais que “o carácter da rúa mudou de forma moi importante nos últimos 50 anos, pasando a ser unha infraestrutura dominada polo tráfico e o aparcamento, que non só limita os usos do espazo público, senón que degrada a calidade da contorna e a calidade de vida dos cidadáns”. “Actualmente”, engadiu, “seguindo exemplos de éxito internacional, as cidades e vilas medianas e pequenas buscan, ademais de aumentar a seguridade e reducir a contaminación, recuperar a identidade e os valores que foron relegados polas prioridades da mobilidade”.

                                           

Por iso, o arquitecto suxire “deseñar estratexias innovadoras e transformadoras”, tomando como punto de partida a análise, identificación e diferenciación das escalas de mobilidade que se solapan e conectan no termo municipal (mobilidade territorial, interurbana e urbana).

Por último, Rodríguez asegurou que “a coordinación interadministrativa e multinivel” -que denomina “gobernanza da mobilidade”-, “supón o gran reto para impulsar proxectos transformadores en lugares como Santiago de Compostela, onde se producen solapes e interconexións de escalas tan lonxanas como a urbana (peonil) e a internacional (aérea), en puntos tan concretos como a praza de Galicia”.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn