Author picture

MIGUEL VÁZQUEZ TAÍN: “DEBEMOS SER QUEN DE OFRECER ATRACTIVOS TURÍSTICOS MÁIS ALÓ DOS LIGADOS AO CAMIÑO E Á CATEDRAL”

O presidente do Consello Galego de Economistas, Miguel Vázquez Taín, considera que “é evidente” que o impacto económico do Camiño de Santiago “foi moi positivo”. Con todo, afirmou, “queda potencial asociado ao Camiño por aproveitar, non tanto referido ao número de visitantes a atraer, como á actividade económica última que estes xeran na cidade”.

“Debemos ser quen de ofrecer atractivos turísticos máis aló dos ligados ao propio Camiño e á Catedral, que permitan atraer a outras tipoloxías de visitantes, así como axadar unha maior permanencia destes, realizando actividades alternativas”, engadíu. Para Vázquez Taín, “iso axudaría ademais a atemperar o impacto negativo que as afluencias masivas xeran en determinadas épocas e en determinadas zonas da cidade”.

E é que, segundo el, “actualmente existe un risco de que o Camiño e a cidade se asocien co fenómeno da masificación turística e de que na cidadanía de Santiago asúmase a sensación de que o turismo ten un impacto negativo que conleva custos importantes para a cidade”. “Nin unha cuosa, nin a outra, axústanse plenamente á realidade, polo que entre todos debemos despregar a pedagoxía necesaria para evitar ese risco, que redundaría negativamente na cidade”, concluíu.

O reto do turismo sostible no Camiño

Pola súa banda, José Antonio Redondo incidíu no turismo sostible como “unha oportunidade e un desafío para o Camiño de Santiago”, o que segundo el implica “un equilibrio entre os aspectos económicos, sociais e ambientais do sector turístico”. “O Camiño de Santiago”, destacou tamén, “é un destino turístico de gran valor histórico, cultural, relixioso e natural, que atrae a milleiros de pelegríns cada ano e que xera un importante impacto económico, social e ambiental nos territorios polos que discorre”.

Nese sentido, remarcou, “o turismo sostible contribúe a mellorar a calidade e a competitividade do Camiño de Santiago, a conservar e a poñer en valor o seu patrimonio natural e cultural, favorecendo polo tanto o desenvolvemento local e a cohesión social das comunidades locais”.

Redondo, para quen “os retos que se plantexan para o futuro deben basearse, como as prácticas que xa se implementaron, nos principios e directrices da Organización Mundial del Turismo”, concluíu que “o turismo sostible é unha necesidade e unha responsabilidade compartida entre todos os actores involucrados no Camiño de Santiago, tanto públicos como privados, tanto locais como globais, tanto anfitrións como visitantes”. “Require unha visión integral, dunha xestión participativa e dunha acción coordenada, que permita aproveitar as oportunidades e afrontar os desafíos que plantexa o Camiño, como un destino de referencia mundial”.

A mesa debate sobre o impacto económico e social do Camiño de Santiago, a última deste ano do ciclo “Compostela 2023-2027. Presente e futuro” da Real Sociedad Económica, foi encabezada polo seu presidente, Francisco Loimil Garrido, e conducida pola profesora titular da Facultade de Económicas da USC e membro da Xunta Directiva da RSEAPS, Dolores Álvarez.

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn