Author picture

MIRIAM ELENA CORTÉS AFONDARÁ NA FIGURA DE MANUEL PEREIRO CAEIRO A PARTIR DO RETRATO QUE FORMA PARTE DO PATRIMONIO DA RSEAPS

Primeira conferencia na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago tralo parón do verán. Mañá mércores, a profesora axudante doutora de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Mirian Elena Cortés López, pronunciará a conferencia titulada: “Manuel Pereiro Caeiro, moito máis que un gran mestre de obras”, a partir do retrato dese personaxe histórico que forma parte do patrimonio da RSEAPS.

Pereiro Caeiro foi un compostelán polifacético, cuxas obras executadas -como o novo Mercado de Abastos ou a sede da Caixa de Aforros e Monte de Piedade- concéntranse fundamentalmente en Santiago de Compostela, malia que tamén foi concelleiro e xefe superior de Administración Civil na capital galega, deputado provincial por Santiago, mestre de obras e fundador da Cámara de Comercio compostelá.

A charla está incluída no ciclo de 2024 “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado pola RSEAPS, en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC. Cortés será presentada por Sara Carreño López, tamén profesora axudante doutora de Historia da Arte da USC, nunha mesa que encabezará o presidente da Real Sociedad Económica compostelá, Francisco Loimil Garrido.

A RSEAPS lembra que tódalas conferencias deste ciclo son de acceso libre e de balde para o público, ata completar aforo. A conferencia de Miriam Elena Cortés López será emitida ademais pola canle de You Tube RSEAPS-Amigos del País (https://www.youtube.com/@rseamigosdelpaissantiago), a través da seguinte ligazón: https://youtube.com/live/UkybsT0p9fE?feature=share

Compartir Noticia

Facebook
WhatsApp
Email
Twitter
LinkedIn