Primeira conferencia na Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago tralo descanso do verán. A profesora axudante doutora de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Mirian Elena Cortés López, pronunciou a conferencia titulada: “Manuel Pereiro Caeiro, moito máis que un gran mestre de obras”, a partir do retrato dese personaxe histórico, obra de José María Fenollera Ibáñez, que forma parte do patrimonio da RSEAPS.
Cortés López destacou que Pereiro Caeiro (1834-1909), titulado pola Escuela de Arquitectura de Madrid, regresou á súa Compostela natal tras varios anos nos que consolidou a súa carreira e formou a súa familia. “Durante aquel tempo”, subliñou a conferenciante, “traballou e formouse no contorno do Marqués de Salamanca e na configuración da rede de ferrocarrís española”. E segundo ela, eses dous factores, máis “a súa formación en ebanistería”, son algúns dos elementos que inflúen na súa obra.
A doutora en Historia da Arte afirmou que Pereiro Caeiro “reconfigurou a imaxe urbana da Compostela decimonónica finisecular, polo que os rincóns da cidade recollen a pegada do mestre”. “Espazos culturais como a Fundación Torrente Ballester, a Fundación Casa-Ría ou a Fundación Casa Pozo, ocupan inmobles intervidos por Pereiro Caeiro”, engadiu.
Canto ao retrato, Cortés López sinalou que “ofrece unha serie de peculiaridades que o diferencian doutras obras realizadas polo mesmo artista para configurar a galería pictórica dos membros que formaron parte da directiva da RSEAPS”.
Así, tras debuxar algúns deses aspectos curiosos do cadro, destacou que o personaxe representado nel, comparte co seu retratista o espazo e tempo vital no que se desenvolven as súas actividades n acidade de Compostela. E aportou un dato máis: “Ambos, mestre de obras e mestre pintor director da Escola de Debuxo, foron socios de número da Real Sociedad Económica de Amigos del País, feito co que se pon de manifesto a destacada representación das artes no contorno desta institución”.
Miriam Elena Cortés foi presentada por Sara Carreño López, tamén profesora axudante doutora de Historia da Arte da USC, nunha mesa que encabezou o presidente da Real Sociedad Económica compostelá, Francisco Loimil Garrido. A charla da doutora en Historia da Arte forma parte do ciclo de 2024 “A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago e os seus fondos artísticos”, organizado pola RSEAPS, en colaboración co Grupo de Investigación Iacobus da Facultade de Xeografía e Historia da USC.